Operadores de tren e bus poñen xa á venda os billetes con descontos de 90% para mozos e mozas este verán

Os descontos do Mitma para viaxar en tren xa están dispoñíbeis. (Foto: Nós Diario)

As rebaixas están destinadas a persoas mozas de entre 18 e 30 anos.

As rebaixas do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) para que mozos e mozas con idades de entre 18 e 30 anos poidan viaxar polo Estado español este verán, entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, xa se atopan dispoñíbeis na maioría de operadores ferroviarios, entre eles Renfe e Alsa, máis tamén outras que non operan na Galiza como Iryo ou Ouigo.

Ao longo da pasada semana os distintos operadores foron anunciado os seus respectivos descontos, de entre 50% e 90%, e condicións para facilitar aos mozos e ás mozas viaxar en transporte nesta tempada estival.

Nun comunicado, o Ministerio explicou que, na actual situación derivada da guerra en Ucraína, "marcada polas tensións inflacionistas que afectan o sector do transporte de viaxeiros", é "necesario" adoptar unha política pública que "facilite ás persoas mozas o uso do transporte público nos seus desprazamentos durante o verán".

Todas as ofertas reúnen as mesmas condicións: as rebaixas están dispoñíbeis para os mozos e as mozas de entre 18 e 30 anos, nacidos entre 1993 e 2005, que teñan carné do Estado español ou dalgún país da Unión Europea con residencia legal no Estado.

Ademais, as bonificacións aplicaranse sobre o prezo dos billetes sinxelos ou de ida e volta que teñan data para viaxar entre o 15 de xuño e o 15 de setembro.

Para beneficiarse da medida, as persoas mozas deben rexistrarse no formulario da páxina web do Mitma para confirmar que cumpren os requisitos esixidos e, no seu caso, obter o código persoal e intransferíbel que deberán utilizar para adquirir o pase Interrail e os billetes ofertados.

O rexistro está aberto desde o 1 de xuño e debe realizarse polo menos 24 horas antes de adquirir o primeiro billete.

Descontos do 90% en Renfe

Renfe xa puxo á venda os billetes con descontos de até 90% esta pasada terza feira, 6 de xuño. As rebaixas inclúen descontos de 50% en trens AVE, Avlo, Alvia, Intercity e Euromed, cun máximo de desconto de 30 euros por billete, de 50% para os títulos sinxelos de Avant e de 90% para o resto de servizos de Media Distancia ou da rede de Ancho Métrico.

Ademais, aplícase unha rebaixa do desconto de 50% do Global Flexible de Interrail de 10 días en 2 meses, cando se comercialice a través de Renfe. Estes billetes co desconto estarán dispoñíbeis nos próximos días na web de Renfe.

Pola súa banda, tamén está dispoñíbel a venda de billetes de Iryo con descontos de 50% en todos os seus roteiros desde a pasada cuarta feira, 7 de xuño.

Rebaixas de 90% para viaxar en bus

As compañías de transporte en bus tamén ofrecen as súas respectivos rebaixas para facilitar a mobilidade entre comunidades. Alsa xa pon á venda os billetes con desconto de 90% seleccionando a opción "Verán Mozo 2023 (18-30 anos)" no seu buscador e introducindo o código que facilita o Ministerio.

Tamén, Avanza comunicou que as rebaixas de 90% nas viaxes contratadas este verán e a través da súa páxina web estarán dispoñíbeis "proximamente".

Con todo, noutros operadores de bus como Interbus, Monbus ou FlixBux non hai ningunha promoción deste desconto para mozos e mozas no verán xa que nas súas respectivas webs non dan a posibilidade de usar este tipo de oferta.