Opositor@s ao centro comercial de Cabral obrigan a convocar unha asembleia informativa antes de votar se se vende o monte

[Imaxe: GalizaContrainfo]

Quéixanse de que a xunta reitora da Comunidade de montes presionase para unha votación a man alzada este mesmo domingo após achegar argumentos pouco transparentes, como a suposta creación de emprego ou que, de non vender, as terras serán expropiadas pola forza. Os protestos saldáronse con tres persoas detidas


Estaba previsto que a decisión se tomase este domingo. Unha votación a man alzada deixaría constancia da vontade da Comunidade de montes de Cabral de lle vender as súas terras ou non llas vender á empresa Eurofund Investments para a construción dun centro comercial e de ocio no marco do proxecto baptizado como Porto Cabral. 

Porén, a veciñanza, un importante número de comuneir@s e colectivos agro-ecoloxistas que se opoñen á superficie comercial obrigaron a suspender unha xuntanza ordinaria da organización por entender que a xunta reitora pretendía "impoñer" a votación sobre unha decisión da cal moit@s non contan coa información suficiente. Os protestos saldáronse con tres persoas detidas, opositoras ao proxecto, que serán postas en liberdade á tardiña.

Nos últimos días agromaron máis voces críticas do centro comercial. Os sindicatos CIG, CC OO e UGT pronuciáronse na sexta feira, facendo público o seu rexeitamento e subliñando o dano que este tipo de superficies carrexan para o pequeno e mediano comercio, así como que as contratacións serán "maioritariamente precarias e a tempo parcial, con salarios que non permitirán vivir dignamente".

Así as cousas, após varias horas de debate, a reunión suspendeuse e foi convocada unha asembleia aberta a toda a parroquia que se realizará antes doutra xuntanza, desta vez extraordinaria, da Comunidade de montes. A votación farase mediante voto en urna e non a man alzada, como estaba previsto facer. Conseguíronse así os tres obxectivos principais que perseguían @s detractor@s do proxecto Porto Cabral: adiar a votación, que sexa en urna e que primeiro se informe á poboación. Quéixanse de que a xunta reitora non transladase argumentos veraces aos e ás comuneir@s, amparándose na suposta creación de emprego e tamén na expropiación forzosa no caso de que a veciñanza non venda.