Erguer espigas de millo nunha comarca "agredida" por eólicos, vertedoiros, liñas de alta tensión e minas

Diversos colectivos chaman á veciñanza a se mobilizar o 30 deste mes en Ordes contra as “agresións” dos proxectos de parques eólicos, minas, vertedoiros ou liñas de alta tensión para esta comarca de máis de 36.000 habitantes.

“Aire, auga e terras limpas” é o lema escollido polos colectivos que convocan para o 30 deste mes unha concentración en Ordes “contra a rapiña depredadora empresarial que, coa axuda das últimas leis impulsadas pola Xunta, está a poñer cada vez en maior perigo o futuro ambiental, social, sanitario e económico do rural galego”.

 

O obxectivo desta mobilización é, explican os convocantes, denunciar e chamar a atención sobre as fortes agresións que suporían os parques eólicos proxectados por unha compañía de capital saudí atravesando Ordes, Mesía, Frades, Trazo e Cerceda; as novas liñas de alta tensión proxectadas para desembocar na subestación eléctrica do Mesón do Vento; o novo vertedoiro de residuos industrias de Lesta, a escasos metros do macrovertedoiro de Sogama na Areosa; e a actividade mineira de extracción de seixo que Erimsa pretende ampliar en Mesía e Frades. 

 

A Coordinadora contra a Implantación de Parques Eólicos na Comarca de Ordes, a Asociación de Afectados polo Vertedoiro de Lesta, a Comisión de Seguimento da Minería e Defensa do Rural Mesía-Frades, e a Asociación A Picota de Trazo, son os convocantes da concentración, ás 12:30 horas no Parque Municipal de Ordes. Chaman a á veciñanza, así como ás organizacións sindicais, sociais, e aos gobernos e grupos municipais de todos os concellos da comarca (Ordes, Trazo, Mesía, Cerceda, Oroso, Frades e Tordoia) a asistir. Tamén animan a desprazarse até Ordes a todas aquelas persoas e colectivos “que sexan de onde sexan, están sensibilizados cunha situación cada vez máis habitual no rural galego”. 

 

Seguindo a liña de deseño ideada para convocar a concentración, os colectivos convocantes chaman a todas as persoas a asistir ao acto con espigas de millo, “para erguelas en símbolo do aire, auga e terra limpas que reclaman para a comarca e para toda Galiza”.