Cinco organizacións instan o ministro de Agricultura a que “presione” para que non haxa fondos públicos para Altri

Pegatas contra Altri na Ulloa (Foto: Ecoloxistas)

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva envían unha carta a Luís Planas alertando das afectacións da planta. Na carta inclúen un informe adxunto que repasa os principais impactos que tería o proxecto.

Cinco organizacións remitiron unha carta ao Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luís Planas Puchades, no que alertan das afectacións que tería o proxecto de Altri para A Ulloa na comarca e na Galiza, e pedíndolle que “presione para que se lle neguen cartos públicos”.

Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva quren, con esta misiva, transladar ao ministro “a súa preocupación ante a posibilidade de que se concedan fondos públicos a este proxecto tan destrutivo”. 

A economía da comarca da Ulloa está baseada principalmente na agricultura e gandaría, sector primario ao que “afectaría gravemente a implantación na zona dunha nova fábrica de produción de celulosa, a promovida por Altri-Greenfiber S.L”, sinalan.

Estas entidades indican ao ministro que a propia empresa, “firmemente apoiada pola Xunta de Galiza”, manifestou que “necesita optar cando menos a un cuarto do seu investimento previsto de cartos públicos –ao redor de 250 millóns de euros dos 900 que di investirá–, para comezar a construír as súas instalacións, centrando actualmente as súas miradas nos fondos Next Generation e o PERTE de descarbonización”.

Informe

Xunto á carta, estas cinco organizacións engadiron un informe que repasa as principais afectacións que entenden que provocaría ese proxecto industrial no corazón do rural galego.

Despois de estudar a documentación presentada pola compañía lusa na Xunta–solicitude de concesión de captación de augas do río Ulla, autorización ambiental integrada, estudo de impacto ambiental e declaración de utilidade pública–, as organizacións asinantes manifestáronlle ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación a súa firme oposición ao proxecto polos “enormes impactos socioambientais que se producirán no xa moi castigado medio rural e ao sector agroalimentario, gandeiro e pesqueiro da Galiza”. Aliás, chaman a atención sobre “o irracional que sería conceder fondos públicos a unha actividade tan destrutiva co medio ambiente e os sectores primarios galegos”.

Entre os moitos impactos negativos que detectan, alertan sobre a localización da enorme instalación, ao redor de 360 hectáreas, aproximadamente dez veces o tamaño de Ence en Pontevedra. Segundo as organizacións o proxecto afecta directamente á rede Natura (Serra do Careón, Sistema Fluvial Ulla-Deza, desembocadura do Ulla e Parque Nacional das Illas Atlánticas en Cortegada) e mesmo aos propios proxectos de ampliación da rede Natura da Xunta.

 Tamén informan ao ministro que a zona alberga varios raros endemismos botánicos en perigo de extinción e moitas especies que deben ser obxecto de medidas de conservación do seu hábitat segundo a Directiva 2009/147/CE da UE, que Galicia debe cumprir.

Sector primario

Mais sobre todo inciden na importancia do sector primario tanto na Ulloa coma na ría de Arousa e por iso piden a intervención do ministro Planas. Afirman, que A Ulloa non é, “como queren facer ver”, unha comarca “nin atrasada, nin baleirada, nin empobrecid”a. De feito, conta cun sector primario que dá traballo a 22% dos seus habitantes –21,83% Agolada; 24,85% Palas de Rei; 29,87 % Santiso–, moi por riba da media galega, que está en 6,3%.

Conta tamén con numerosas explotacións de vangarda, innovadoras, ecolóxicas e moitas explotacións de Denominacións de Orixe ou Indicacións Xeográficas Protexidas, entre elas a D.O.P Arzúa-Ulloa, a segunda das D.O.P. de queixos que máis vende no Estado.

Tamén alertan ao ministro sobre os impactos que podería ter para a pesca artesanal e o sector marisqueiro galego a ría de Arousa, a máis produtiva, pero tamén máis ameazada, do país.

A maiores,inciden en que a Galiza “non pode soportar outra industria que reverta nunha maior eucaliptización do territorio. Numerosos estudos científicos demostraron que a esaxerada proliferación destes monocultivos no noroeste peninsular está directamente relacionada coa perda de biodiversidade, a deficiente integridade ecolóxica, a inflamabilidade da paisaxe e mesmo coas limitacións á hora de mitigar o cambio climático”.

Para Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción, Greenpeace, Sindicato Labrego Galego e a plataforma Ulloa Viva sería moi difícil de explicar a incoherencia de destinar fondos de recuperación, transformación e resiliencia a un proxecto “que non parece cumprir en absoluto o Principio DNS (Do Non Significant Harm)” no que afecta a cuestións como a “protección e recuperación da biodiversidade e os ecosistemas” e o “uso sostible e a protección dos recursos hídricos e mariños”, entre outras, e piden ao ministro que mova os resortes que teña á súa disposición para evitar esta catástrofe.