Organizacións sindicais mobilízanse en todo o país en defensa dos postos de traballo na sanidade

Concentración sanidade en Compostela [Imaxe CIG]

Concentracións nas áreas sanitarias exixiron a cobertura do 100% das vacantes no Sergas. 

CIG, CCOO, UGT, CSI-F, CESM-Omega, SATSE e máis SAE desenvolveron concentracións Vigo, A Coruña, Lugo, Santiago, Pontevedra, Ourense, Ferrol, Cee, Ribeira, Vilagarcía, Burela, Monforte e O Barco nas que reclamaron a cobertura de todos os postos de traballo destruídos nos últimos anos por mor da taxa de reposición imposta pola Xunta. 

Reclaman condicións de traballo que rachen coas contratacións por días ou semanas

Neste senso, lembran desde as organizacións sindicais, desde 2009 xubiláronse 3 mil profesionais da saúde. Entretanto, só foron re-emprazadas o 10% das prazas vacantes --entre 2010 e 2014, o 50% no 2015 e, segundo anunciou o goberno de Galiza, o 100% para este ano 2016. Ora ben, sinalan, só serán cubertas as prazas correspondentes ao ano anterior e o que non implica que se dea cobertura a todas as prazas que se perderon nestes anos, apuntan as centrais sindicais. 

De acordo coas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) publicadas en 2012 só se ofertaron 176 prazas de facultativos/as; na de 2013-14 205 de enfermeiras/os e 82 de médicas/os de familia; na de 2014, 104 para o resto de colectivos; na de 2015, 344 e este ano, 818. Destarte, suman 1.539 prazas que non se achegan "nin de lonxe" ás 3.000 que serían precisas para garantir a cobertura daquelas que se perderon por xubilacións, sinalan. 

Desde 2012 só se cubriron, de acordo coas OPE publicadas, 1.539 prazas mentres que se xubilaron por volta de 3 mil profesionais

Así pois, os cadros de persoal das áreas sanitarias mobilizouse para reclamar non só a cobertura de todas as prazas necesarias para garantir a calidade asistencial senón tamén condicións de traballo dignas fronte ás que actualmente atinxen @s profesionais sanitari@s nomeadamente como resultado de contratos por días soltos ou semanais. Condicións "miserentas" que din, prexudica tamén @s utentes do sistema sanitario público como resultado das dificultades que carrexa para atender as necesidades dos centros de saúde e hospitalarios. 

"Só garantindo que hai persoal suficiente, e este está contratado en condicións dignas, se pode frear a privatización do sistema que persegue o PP", afirman.