Memoria histórica

Homenaxe ás vítimas da ditadura franquista en Ferrol

Presentación da homenaxe ás vítimas da ditadura franquista en Ferrolterra. (Foto: Europa Press)

Será o 28 de abril no Teatro Jofre e está promovido pola Comisión promemoria de Ferrolterra.

A Comisión promemoria das vítimas do franquismo en Ferrolterra, Eume e Ortegal prevé organizar, no Teatro Jofre de Ferrol, o día 28 abril, unha homenaxe ás vítimas da sublevación militar franquista e dos 40 anos de ditadura en Ferrolterra.

Esta homenaxe, que se desenvolverá desde as 19 horas, pretende homenaxear "a quen foi executado por defender a liberdade, a democracia e tamén como un resarcimento aos familiares que sufriron a perda de seres queridos, ademais de ser estigmatizados polo réxime fascista".

Así o explicou Ton Branco, quen exerceu de portavoz desta comisión, durante a súa presentación esta segunda feira no Concello de Ferrol, onde se deu cita varios integrantes desta comisión. Ademais, para divulgar este acto, presentaron un cartel, cuxas entradas para asistir (gratuítas), estarán dispoñibles no Teatro Jofre a partir da cuarta feira, día 19.

Polo momento o programa do evento non está fechado, aínda que xa se sabe que se procederá á estrea dun documental sobre os asasinatos en Ferrol, "elaborado polo afamado documentalista Carlos Quirós, para divulgar neste acto".

Monumento

Por outra banda, Ton Branco mostrou "a nosa indignación coas continuas demoras e aprazamentos na construción da base que soportará o monumento", en alusión ao monumento que se vai a instalar no barrio de Canido para lembrar as case 1.000 vítimas desta zona.

"Algo para nós incomprensíbel, se temos en conta que a moción se aprobou o 29 de xullo do ano 2021", esgrimiu, antes de indicar que se trata de "tempo máis que suficiente para telo inaugurado, xa que conta coa aprobación de todos os requisitos municipais". "Esperamos que a súa inauguración se faga de forma inminente", apostilou.