Así será o Orgullo Crítico LGBTIQ+ de Vigo, autofinanciado pola "falta de apoio do Concello"

Dúas bandeiras do colectivo LGBTIQ+ durante unha manifestación do Orgullo. (Foto: Tomàs Moyà / Europa Press)
Avante e Nós Mesmas, entidades organizadoras, denuncian a escasa implicación do Goberno local, realidade que "contrasta coa doutras cidades e vilas da Galiza".

O Orgullo Crítico LGBTIQ+ de Vigo deste ano contará con todo tipo de actividades, desde charlas e obradoiros até proxeccións de filmes e obras de teatro. Como feche do mes, terá lugar o sábado 29 a Festa Diversa na Porta do Sol. Esta celebración e mais o resto de actividades deste ano serán completamente autofinaciadas polas asociacións, ao non haber, denuncian, "unha partida no Concello de Vigo dedicada a estes actos", realidade que "contrasta coa doutras cidades e vilas da Galiza", critican.

A programación do Orgullo 2024 conta co apoio das organizacións e centros sociais da contorna. Colaboran activamente asociacións como Colectivo Diverso do Morrazo e DeFrente LGTBI+, espazos tan emblemáticos da cidade de Vigo como a Sala Ártika e Multicines Norte e entidades e colectivos como Amnistía Internacional e VACAburra.

Debido ás exixencias deste ano a para levar a cabo festa do Orgullo LGTBI+ na cidade de Vigo, estase a financiar a través dun crowdfunding nas redes sociais da Asociación Nós Mesmas. Ningunha das actividades conta actualmente co apoio económico das institucións, aseguran as convocantes, polo que "todo consegue saír adiante co esforzo das persoas voluntarias de ambas as organizacións".

"A festa do Orgullo é un acto reivindicativo no que saimos ás rúas a ocupar un espazo que tamén nos pertence. As persoas do colectivo sabemos o que é saír de noite con medo a ser agredidas. Este 29 de xuño ocuparemos de novo a Porta do Sol, visibilizando todas xuntas a nosa loita", explica Almudena González, representante comarcal de Avante LGBT+.

Día a día, censura, "notamos a falta de ambientes e espazos de ocio nos que compartir sobre as cuestións que nos afectan, que moitas veces están ligadas á nosa sexualidade, a nosa identidade de xénero ou a forma que temos de entender a diversidade". "Para a erradicación da LGTBIfobia precisamos dun traballo conxunto no que participen todes es axentes implicades, e actualmente as asociacións estámonos a sentir soas nesta difícil tarefa", dixo Marta Alonso, representante de Nós Mesmas.

"Malia que a manifestación do Orgullo só ocupa un día ao ano, representa unha reivindicación e unha loita que abrangue á realidade que as persoas LGTBI+ afrontamos na nosa rutina. É por iso que ver a falta de sensibilidade que percibimos por parte das institucións municipais nos fai ver que aínda queda moito por facer", proseguiu.

Programa completo do Orgullo Crítico de Vigo

  • 1 de xuño ás 11 horas no C.S. A Desviada (Avenida Fragoso, 47). Brunch con mesas no que compartir ideas e pensar como construír xuntas.
  • 1 e 2 de xuño ás 20h na Sala Ártika.Teatro: metodoloxías 'carroñeiras' para corpos invertidos, do colectivo artístico Vacaburra. Conferencia escénica con servizo de conciliación para crianzas.
  • 8 de xuño ás 20h no C.S. A Desviada. Cinema: The Rocky Horror Picture Show. Proxección do filme con interacción do público.
  • 9 de xuño ás 12.30h no Monte do Vixiador. Un día en familia: xornada de convivencia para familiar. Require de inscrición previa.
  • 9 de xuño ás 19h na Sala Kominsky. Bingo para señoras: actividade organizada polo Festival Drag King que busca recadar fondos para as súas actividades e gala do mes de xullo. As papeletas poden comprarse no propio evento.
  • 11 de xuño ás 19h no Museo MARCO. Curtas do Festival La Pecca: proxección dunha escolma de curtametraxes participantes relacionadas coa diversidade sexual e de xénero.
  • 13 de xuño ás 18h na Biblioteca Neira Vilas. Contacontos - XE musicalizado. A partir de catro anos. Coa colaboración e presenza da autora, Lara Boubeta.
  • 15 de xuño ás 11.30h desde a Asociación Nós Mesmas. Pedalada e vermú transmaricabollera: percorrido en bici e vermú con actuación musical e vermú.
  • 16 de xuño ás 19h na Asociación Nós Mesmas. Xuntanza Bibollo: conversatorio sáfico sobre vivencias comúns e alianzas.
  • 19 de xuño ás 19h nos Multicines Norte. Documental: Homofobia de estado + coloquio. O activista Kris Adá falará sobre a realidade migratoria das persoas LGBTIQ+.
  • 22 de xuño ás 19h no C.S. A Desviada. Obradoiro de anarquía relacional: repensando os vínculos alén dos mandatos do patriarcado.
  • 22 de xuño ás 21h no C.S. A Desviada. Festa da desviada hortera: acode coa túa estética máis excéntrica.
  • 23 de xuño ás 21h en Alcabre. San Xoán Transmaricabollera. Quedada na praia de Santa Baia compartindo unha noite máxica.
  • 24 de xuño ás 19h n'A Morada. Faladoiro: A miña maleta. Experiencias de vida de migrantes LGTBI+ refuxiados, coa colaboración de Amnistía Internacional.
  • 27 de xuño ás 20h no C.S. A Desviada. Exposición de Pablo Carreiro. O autor e ilustrador presenta o seu novo cómic da saga Chico!.
  • 28 de xuño ás 18h no C.S. A Desviada. Obradoiro de pancartas. Achégate a crear a túa pancarta para a mani do Orgullo.
  • 28 de xuño ás 20h no Casco Vello. Pasarrúas batukada. Percorrido reivindicativo polo Orgullo.
  • 29 de xuño ás 20h no cruce de Urzáiz con Gregorio Espino. Manifestación. Quedada previa na a partir das 17.30h na Porta do Sol con DJ e maquillaxe para ir todas xuntas até o punto de saída.
  • 29 de xuño de 21.30 a 01h na Porta do Sol. Festa diversa, con DJ.