Os encoros galegos baixan as súas reservas case un punto durante a última semana

O encoro dos Peares, cunha potencia instalada de 184 megawatts, é propiedade de Naturgy. (Foto: Nós Diario)
A reserva hídrica estatal perdeu esta semana 714 hectómetros cúbicos, 1,3% da súa capacidade total, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico.

Os encoros galegos contan con 2.518 hectómetros cúbicos de auga embalsada, o que supón 35 menos que hai unha semana, segundo os datos ofrecidos esta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica.

Deste modo, as reservas baixaron case un punto porcentual nos últimos sete días, e sitúanse ao 67,9% do total da súa capacidade, reflicte o boletín.

En concreto, os encoros da conca Miño-Sil están a 67,7% da súa capacidade, con 2.052 hectómetros cúbicos de auga (27 menos que a pasada semana).

Pola súa parte, os encoros da conca Galiza Costa, están a 68,1%, o que supón 466 hectómetros cúbicos de auga embalsada, oito menos que o martes pasado.

Datos estatais

A reserva hídrica estatal perdeu esta semana 714 hectómetros cúbicos, 1,3% da súa capacidade total, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, polo que nestes momentos os encoros están a 43,4% e gardan 24.329 hectómetros cúbicos de auga.

Esta semana, as precipitacións foron escasas en todo o Estado. A máxima produciuse en Santander con 9,2 litros por metro cadrado.

Están por baixo da metade da súa capacidade total as concas do Ebro, ao 49,5%; a conca Mediterránea Andaluza, que está ao 30,3%; Segura, ao 32,4%; as concas internas de Catalunya, que están ao 29,1%; as concas do Guadiana, ao 27,6%; Guadalquivir, ao 21,8%; e Guadalete-Barbate, ao 20,2%.

Esta semana, os encoros gardan 24.329 hectómetros cúbicos de auga, fronte aos 23.521 hectómetros cúbicos de auga en comparación co mesmo período do ano anterior aínda que non chegan aos 33.675 hectómetros cúbicos de auga que supoñen a media do decenio.