Os encoros galegos están a dous terzos da súa capacidade total após unha baixada na última semana

O encoro de Eiras, en Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, abastece de auga once concellos (Foto: Contando Estrelas / Flickr).
Segundo datos ofrecidos este martes polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, as reservas baixaron menos de medio punto no últimos sete días e sitúanse a 66,6%.

Os encoros galegos sitúanse, de media, a dous terzos da súa capacidade total, ao contar con 2.473 hectómetros cúbicos de auga embalsada, apenas 18 menos que hai unha semana.

Segundo datos ofrecidos esta terza feira polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, as reservas baixaron menos de medio punto nos últimos sete días e sitúanse a 66,6%. O ano pasado por estas datas, estaban a 52,6%.

En concreto, os encoros da conca Miño-Sil descenderon lixeiramente até 66,6% da súa capacidade, con 2.018 hectómetros cúbicos de auga -15 menos que a semana pasada-. Ademais, están lixeiramente por encima da media dos últimos 10 anos.

Pola súa parte, as presas da conca Galiza Costa están a 66,5% ao ter 458 hectómetros cúbicos de auga -apenas tres menos que hai sete días-. Neste caso, si están algo por baixo da media da última década, situada en 495 hectómetros cúbicos.

Datos estatais

No conxunto do Estado, as considerábeis precipitacións rexistradas esta semana na vertente atlántica non lograron frear o declive da reserva hidráulica, que se reduciu en 584 hectómetros cúbicos, é dicir, 1%, até situarse en 41,1%, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, que precisa que na actualidade gardan 23.053 hectómetros cúbicos.

As cifras reflicten que nestes momentos os encoros gardan 5,74 % máis auga que nas mesmas datas do ano pasado pero 27,69 % menos que a media de auga embalsada no últimos dez anos.