Os recortes afectan cada vez máis aos centros infantís

As Galiña Azul, antes Galescolas, teñen cada vez máis problemas polos recortes que leva a cabo o goberno da Xunta. Material vello e escaso e soldos inferiores aos 900 euros, afectan o día a día destas escolas infantís galegas. Na Laracha as traballadoras decidíronse a denunciar estes problemas e anuncian mobilizacións para o vindeiro curso.

“Levamos moito tempo en condicións de precariedade”, denuncia Mónica, traballadora da Galiña Azul da Laracha, “mais cando escoitamos que aínda seguirían recortando decidimos saír a protestar”. E levan días informando das condicións nas que traballan elas e outras traballadoras doutros centros do país. A de Laracha inaugurouse un 19 de abril de 2008, daquela co nome de Galescola, como parte dos 73 centros infantís organizados en rede coa finalidade de procurar un modelo diferente e de calidade no ensino de 0 a 3 anos. Catro anos despois unha boa parte do material segue sendo o mesmo e non se substituíu.

“Quitaron o servizo para podermos xantar coas crianzas”, asegura Mónica con tristeza. Despois desta dura decisión tiveron que mercar entre elas unha neveira e un microondas para poder xantar na instalación. “O noso soldo non chega aos 900 euros e non damos para moitos gastos”, sinala. As traballadoras denuncian perda de dereitos mesmo para conciliar a súa vida familiar. “Moita xente ten medo a falar”, asegura Mónica, “por exemplo no caso das interinas”. A estas alturas aínda non recibiron a roupa e grande parte do material que empregan sae do seu propio peto. “Sorte temos que polo de agora non nos tocaron a parella educativa e podemos levar a cabo o noso traballo nas aulas”, apunta Mónica.

 A estas alturas aínda non recibiron a roupa e gran parte do material que empregan sae do seu propio peto

As traballadoras da Galiña Azul non pensan deixar de denunciar estes recortes e agardan ao comezo do novo curso no que realizarán as accións necesarias para “mellorar” a actual situación. “Outros centros infantís xa se puxeron en contacto e despois do verán seguiremos reivindicando este servizo público”, anunciou Mónica.

Peches de centros
A xerencia do Consorcio, segundo informou a CIG, anunciou contactos coas posíbeis traballadoras e traballadores que poderían estar afectadas por supresións ou peches dalgunha escola. Polo de agora non hai confirmación de ningún peche e o sindicato nacionalista xa asegurou que “a CIG Ensino se vai negar ao peche de calquera escola ou á supresión de calquera posto de traballo salvo en casos excepcionais debidos á non existencia dunha matrícula mínima”. Do mesmo xeito rexeitan traslados forzosos fóra do seu lugar de traballo.