Os novos positivos seguen en cifras récord, con 597 nas últimas 24 horas

Unha farmacéutica toma unha mostra de sangue para realizar un test de cribado en Barbadás (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
O número de novos positivos baixa en case un cento de persoas respecto das cifras deste sábado. Aínda así, a do domingo é a segunda cifra máis alta de toda a crise sanitaria.

Os positivos por COVID-19 detectados na Galiza na última xornada sitúanse nos 597, a segunda cifra máis alta de toda a crise sanitaria por detrás da deste sábado. A pesar do descenso en case todas as áreas sanitarias, a de Ourense e, en menor medida, a de Pontevedra anotaron lixeiros incrementos.

Segundo a actualización da web da Consellería de Sanidade, a área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco detectou en 24 horas un total de 94 infeccións por coronavirus, 11 máis que o día anterior. Así, aínda que encadea varios días nos que xa non é o epicentro da pandemia na Galiza, é a que máis aumentou este domingo. Pola súa banda, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés tamén subiu nunha as PCR positivas diarias, até o total de 53. Esta cifra tamén a sitúa entre as que menos contaxios novos contabilizou.

No resto do territorio galego caeu a incidencia da pandemia, coa área de Vigo como epicentro, con 121 novas infeccións (4 menos que o sábado); seguida da Coruña-Cee, con 110 (-25); e de Santiago-Barbanza, con 103 (-15). Tamén descenderon os casos de COVID-19 diarios en Lugo-A Mariña-Monforte, a 64 (-20), e en Ferrol, a 52 (-38).

En canto ás altas, nas últimas 24 horas se curaron 345 persoas, o que coloca o total desde o inicio da pandemia en 25.315. Ademais, até o momento faleceron 860 persoas con coronavirus na Comunidade galega, tras engadirse ao cómputo a última vítima notificada na tarde do sábado.

Así, a cifra de casos activos ─persoas que aínda padecen a enfermidade─ está este domingo no total de 6.431, un ascenso de 261 nun día. A área sanitaria que máis pacientes concentra aínda é a de Ourense, con 1.299, pero é a única que descende, nunha vintena.

Seguen a esta a de Vigo, con 1.186 pacientes (+89); A Coruña-Cee, con 1.122 (+65); Santiago-Barbanza, con 1.089 (+42); Lugo-A Mariña-Monforte, onde hai 651 casos activos (+35); Pontevedra-O Salnés, 639 (+17); e Ferrol, con 445 (+33).

PCR realizadas

Así mesmo, segundo os datos actualizados este domingo por Sanidade, até a data realizáronse na Galiza un total de 633.494 PCR, o que reflicte que en 24 horas se fixeron 8.490 probas, na contorna de días pasados. De todas elas, 7,2% arroxou un resultado positivo, unha cifra aínda por enriba do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde.

Todas as áreas sanitarias salvo a de Pontevedra (2,4%) exceden este limiar, pero a de Ferrol segue como a que máis destaca, cunha positividade do 12,6%. Tras esta, están Ourense (11,4%), Lugo (9,6%), A Coruña (7,7%), Santiago (7,3%) e Vigo (6,6%).