Eva Maquieira: "Ostentar unha xefatura ou cargo de responsabilidade non conleva quedarnos mudos"

O Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Sergas).
A ex responsábel do servizo de Cirurxía Plástica do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, cesada por criticar a xestión do Sergas nos primeiros días da pandemia, denuncia a filtración dunha resolución contraria aos seus intereses. 

Eva Maquieira, a ex responsábel de Cirurxía Plástica, Reparadora e Estética do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC) de Vigo, cesada pola súa posición crítica coa xestión dos servizos sanitarios durante a pandemia, volveu empregar as súas redes sociais, desta vez para denunciar a filtración a varios medios de comunicación dunha resolución do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) sobre o recurso de apelación que presentou sobre a súa orde de cesamento. 

Como explica a afectada no seu perfil de Facebook, a información publícase "antes mesmo de facerse pública polo TSXG na súa páxina oficial nin ter coñecemento dela o meu avogado, e moito menos eu", afirma enoxada, ao tempo que se recoñece "tocada" por algúns aspectos que se recollen na mesma.

En concreto, Maquieira defende que liberdade de expresión, "sen insultos, ameazas e dentro da marxe da educación e responsabilidade, deberia ser un dereito universal para calquera cidadán, independentemente do cargo de responsabilidade que ocupe".

"Ostentar unha xefatura ou cargo de responsabilidade non conleva quedarnos mudos e non ter dereito a queixa. Ou non debería...", engade a ex traballadora do HAC.

Idoneidade para o posto

Sobre a súa idoneidade para ocupar o posto, a ex responsábel de Cirurxía Plastica do HAC argumenta que en sete anos de traballo "non tiven ningunha reprobación nin amoestación nin verbal nin por escrito, dun mal desempeño das miñas funcións".

Tamén indica que sempre estivo "nunha posición de fraxilidade", pois o seu posto era en comisión de servizos, pero que lle chamou especialmente a atención que o seu cesamento "fulminante", aínda sendo "facilísimo cesarme moito antes", indica, se producise só unha hora despois das súas críticas pola falla de protección das persoas que traballaban no Cunqueiro na primeira onda da pandemia, en marzo de 2020.

Tal e como denunciaba de aquela, a súa "lealdade e responsabilidade" naqueles momentos estaba cos seus compañeiros e compañeiras de servizo e o resto do persoal do centro, que traballaban a diario "con escasa ou nula proteccion, sendo humillados polos seus superiores por levar unha miserable máscara para o desempeño das súas funcións, e sobre todo e por encima de todo, para cos meus pacientes" .

"Esa é e será sempre a miña única lealdade e responsabilidade como médico, moi por encima de intereses politicos, idoneidades de cargos e malos xestores", asegura Maquieira antes de afirmar que "dous anos despois, botando a vista atrás e con todo o que coñecemos hoxe, volvería facelo sen dubidar".