A falta de previsión deixa a Galiza cun único helicóptero medicalizado para atender urxencias

Helicóptero do 061. (Foto: Sergas)
A CIG denuncia que o único vehículo destas características na zona sur da Galiza, con base en Ourense, está inoperativo desde o sábado.

A área sur da Galiza está sen helicóptero medicalizado desde as 17 horas do pasado sábado. Así o vén de advertir a CIG a través dun comunicado, no que tamén pon o foco en que a falta deste servizo en Ourense obriga todo o país a "depender dun único helicóptero con sede en Santiago".

O vehículo foi retirado, precisou a delegada sindical da CIG na base do 061 en Ourense, Susana Rodríguez, "en cumprimento dos requisitos legais" que este tipo de helicópteros teñen que cumprir. A concesionaria, Eliance, "non foi quen" de organizarse ante este cambio programado e "totalmente previsíbel" e "non ten outra máquina dispoñíbel", lamentou.

A empresa As Burgas, concesionaria do transporte urxente sanitario en Ourense, puxo ao dispor dos centros sanitarios unha ambulancia medicalizada para suplir o helicóptero. Mais esta medida é "un parche", dixo o secretario nacional de CIG-Saúde, Manuel G. Moreira. "Non resolve o problema xa que non cubre o ámbito de actuación do helicóptero nin garante os tempos de resposta", engadiu.

Esta ambulancia medicalizada, aliás, "era xa unha necesidade cando estaba operativo o helicóptero e seguirá a selo cando se recupere o seu servizo", polo que desde a central sindical exixen "a recuperación do helicóptero e o mantemento da ambulancia medicalizada".

Neste senso, lembraron desde a CIG que a área sanitaria de Ourense conta cunha única ambulancia medicalizada, "cando é a provincia con maior dispersión e comunicacións máis complicadas fronte a outras que teñen máis ambulancias medicalizadas".

"Pobos fronteirizos con Portugal, a montaña ourensá e lucense e zonas interiores da provincia de Pontevedra, ou o Baixo Miño, quedan desprovistas dun servizo de transporte medicalizado rápido co que contaban até o día 1 de outubro", afirmou Susana Rodríguez.

A delegada sindical salientou que a ausencia do helicóptero supón un incumprimento do contrato, que nos pregos recolle que a empresa debe dispor deste vehículo os 365 días do ano, "un incumprimento que podería comportar unha multa de até 6.000 euros e que nin sequera é a primeira vez que se produce", censurou.