CARTA AO DIRECTOR

Outra volta coa sanidade

A nosa sanidade, fai anos envexada por case todo o mundo pola gratuidade e sobre todo pola súa calidade, está chegando a cotas casi denigrantes, en gran parte  polos políticos, a maioría deles con intereses particulares para acabar con ela (segundo a miña opinión), pero aínda que ao meu pesar (defensor a ultranza da sanidade pública) tamén por moitos dos seus traballadores, moito do persoal médico, enfermería e auxiliares, perderon parte da súa humanidade e xa non empatizan co paciente.

Relato o sucedido: Vou coa miña nai (89 anos) a urxencias do Cunqueiro por un episodio de atragantamento, chegamos aínda non eran as oito da tarde, e non a atenden ata pasadas as once da noite, (despois de atender a todos os que entraban e saían, imaxino que o ser unha persoa de idade avanzada non a consideraban importante), e despois de requerir a un traballador para a atendan (a outro señor maior que estaba alí, tamén o deixaron arrinconado). Xa de madrugada acordan o ingreso por unha infección pulmonar, e a derivan ao Meixoeiro (cousa da que me alegro, xa que non teño unha boa experiencia do seu último ingreso na planta de neurociruxía do Álvaro Cunqueiro), en xeral todo o trato recibido na sétima planta do Meixoeiro é correcto: GRAZAS.

Estando ingresada detectan  líquido endometrial e solicitan valoración por parte do servizo de xinecoloxía; por parte dese servizo (imaxino que algún médico) deciden valorala en consulta ambulatoria, debe ser que lle causa moito traballo acercarse e xa que está ingresada determinar as probas que consideren que terá que realizar, sen ter en conta a molestia que lle ocasionan co traslado á consulta a unha persoa de 89 anos e gran dependente.

Por favor, unha cousiña moi fácil lles pido a todos os que tratan con pacientes: empaticen con eles, póñanse no seu lugar, e se non son capaces, pensen que ese paciente pode ser o seu ser máis querido (fillo/a, pai, nai, irmán,…) e actúen como actuarían se del se tratase. Sen dúbida iremos recuperando a calidade e a humanidade de hai unos anos, e vostedes se sentirán máis satisfeitos co seu traballo.
 
José Luis Román Diz. Vigo.