Pablo Sánchez, DBarrio: "Vin que moitos comercios locais morrían por non vender a domicilio, así naceu DBarrio"

Pablo Sánchez, responsábel de DBarrio (DBarrio)

Pola cabeza de Pablo Sánchez pasou un día a idea de adaptar as plataformas de venda a domicilio ao pequeno comercio local. Creou a estrutura e pensou como podían beneficiarse, en cadea, desde o local que vende até quen compra, pasando pola propia persoa que reparte. Ademais conseguiu que se axudase a outras iniciativas sociais. En pouco tempo implantouse no sur da Galiza e agora xa está presente noutras zonas do Estado español.

DBarrio  conta con máis de 600 comercios e só na cidade de Vigo traballan con el 30 repartidores. Unha idea global para un mundo local. 

Como xorde DBarrio?

Hai anos, de ver a situación do pequeno comercio, como morrían moitos negocios da miña cidade, Vigo. Tamén de viaxar por todo o Estado español, polo meu traballo, decateime de que a situación era a mesma. Fíxome pensar que moitos non duraban nin dous anos. Tiñan en común, a maioría, que non vendían por internet a domicilio. Non estaban modernizados. Tamén vin que había moito reparto de Amazon ou AliExpress e souben  das folgas en plataformas como Globo, que contrataban falsas autónomas.

Pensei en crear unha plataforma exclusiva para o pequeno comercio e máis económica que as comisións de 40% que teñen na actualidade. Puxémonos en contacto con estes comercios maltratados e pensamos que sería o futuro do pequeno comercio.

Como funciona?

Poñemos en contacto o pequeno comercio local coas repartidoras e repartidores da zona. Tamén apoiamos con 5% da facturación obras sociais locais para concienciar a clientela potencial, persoas que queiran mercar no pequeno comercio antes que nas grandes superficies, que moitas veces pagan os seus impostos en paraísos fiscais.

Conseguimos ter uns prazos inmellorábeis. Cando as outras plataformas tardan un día ou dous, nós tardamos unha hora. Tamén a persoa que merca pode elixir a repartidora ou repartidor, autónomas de verdade que escollen cando queren traballar e a que prezo.  

Cal é o segredo para que se manteña economicamente o proxecto?

Nós cobrámoslle á tenda con diferentes tarifas segundo a cantidade de produtos que quere vender. Desde 50 euros até 400 euros ao ano. Logo, de cada venda, cobramos 5% de comisión. De todo ese beneficio outro 5% vai para a obra social favorita dese comercio.

Que tipo de comercios participan na iniciativa?  

A maioría dos que se dan de alta son da hostalaría. Cando comezamos, eran de todo tipo. Fornos de pan, froitarías, carnizarías, moda, librarías, ferraxarías. A hostalaría non foi a nosa primeira opción, xa hai máis plataformas. O caso é que  nos pediron participar polas grandes comisións que lles cobraban. Están máis afeitos a traballar a domicilio.

No caso do pequeno comercio tivo que vir o coronavirus para darse conta de que é unha fonte nova de ingresos extra. Mesmo para promoverse a través da páxina, aínda que logo se vaia en persoa mercar á tenda.

En que zonas están presentes?

En Vigo, no Val Miñor, Salceda de Caselas, Ponteareas, Vimianzo, Camariñas, Compostela, A Coruña e agora comezamos a abrir en Ponferrada, Catalunya, Cantabria, Bilbo, Extremadura, Toledo,... Unha novidade son os concellos que aproveitan a plataforma para axudar a promover o seu pequeno comercio con campañas. É de agradecer o seu apoio.  

Facilita que cheguen os produtos a persoas que non poden desprazarse no rural logo?

As grandes plataformas só traballan nas grandes cidades. Pensamos en que nos emprega un perfil máis novo e sorprendeunos outro perfil moi maior, que comeza a mercar a distancia por seguridade ou por non ter posibilidade. Comezaron mercando familiares ou veciñas e agora xa mercan directamente. Pasounos tamén con moitos comercios de xente maior que tiña medo ao principio, e agora xa está habituada.