Sanidade pública

Pacientes oncolóxicas denuncian graves atrasos do Sergas nas revisións: "Xogan coa nosa vida"

Sentadas, Patricia Villasenín (primeira pola dereita), Cristina Quinteiro (segunda), Miriam Rodríguez (terceira), Fernando Abraldes (cuarto), Aida Castro (quinta) e Milagros Geada (sexta). [Foto: Arxina]
Pacientes oncolóxicas da área sanitaria de Compostela compareceron esta segunda feira en público para denunciar os "inxustificábeis atrasos e demoras" do Sergas nas necesarias revisións que deben facer no seguimento da evolución do seu cancro. "O que fan connosco é moi grave", afirman.

A Aida Castro diagnosticáronlle un cancro de mama a principios de 2023 e foi operada en agosto. En decembro debía de ter unha revisión para valorar a situación. "A día de hoxe, continúo sen cita", afirma, "e o meu caso non é o peor, que hai compañeiras que teñen esperas de até 8 meses". Aida foi unha das pacientes oncolóxicas da área sanitaria de Compostela  que compareceron esta segunda feira en público para denunciar que no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) hai "graves atrasos" nas revisións oncolóxicas. "Non somos nin unha nin dúas as afectadas, somos moitas", afirmou Castro.

A comparecencia destas mulleres nun acto público convocado pola Asociación de Pacientes e Usuarias do CHUS é a resposta ás recentes declaracións do novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, que achacou a situación que padecen estas pacientes oncolóxicas a circunstancias puntuais. Porén, xa en 2016 o Defensor do Paciente remitira unha carta ao fiscal superior da Galiza pedindo a súa "intervención" polo atraso nas consultas oncolóxicas en Santiago. Actualmente, afirman as afectadas, a situación afecta máis persoas.

Fernando Abraldes, portavoz da Asociación de Pacientes e Usuarios, acusou o conselleiro de "faltar á realidade" e denunciou o "procedemento da caixa de correo" que afirma emprega o Sergas para as persoas que piden cita cos especialistas. Un proceso polo que o que fai a solicitude "fica nun limbo legal" sen saber nada a respecto da súa cita. "Non hai garantía de que estas pacientes teñan as citas de control" da súa doenza que solicitan, denuncia, e pide que se acabe co sistema "da caixa de correo" por "non cumprir a lei".

"O que me pasa aféctame psicoloxicamente"

Cristina Quinteiro, da Estrada (comarca de Terra de Montes) foi unha das mulleres que tomou a palabra no acto para explicar a situación da súa nai, paciente oncolóxica desde 2011 á que leva 13 anos acompañando ao servizo de Oncoloxía do CHUS. "Esta sexta feira miña nai entrou ás  nove da mañá e saíu ás dez da noite, non pode ser, non hai persoal abondo e os pacienets multiplicáronse nestes anos", afirma. Confesa que a situación pasa factura a paciente e familia. "As pacientes de cancro non só teñen que lidar coa enfermidade todos os días, senón tamén co malestar que xera esta situación", explica.

Unha realidade que é confirmada por varias das presentes, que inciden en que "bastante temos con loitar como estamos loitando" contra a doenza para "ademais ter que soportar todo isto", indica Milagros Geada. A  esta padronesa detectáronlle cancro de colon en 2022. Someteuse a quimioterapia, foi operada e de novo quimioterapia, logrando empezar 2023 sen cancro mais cunha advertencia da súa oncóloga: cada cinco meses, revisión e TAC (proba con raios X).  "Tiña xa que ter a terceira revisión feita e aínda non teño nin a segunda", denuncia, confesando a seguir que o que está a vivir "aféctame psicoloxicamnente". "E que é moi forte o que nos está a pasar, moi forte", conclúe.

"Non era nada, dicían, mais si que foi"

Patricia Villasenín é outra das mulleres que toma a palabra para explicar o seu caso. "Desde 2022 son paciente oncolóxica", afirma a xeito de presentación. Ela quere pór o foco na ausencia de probas previa suficientes para detectar o cancro. Conta o seu caso: ir á consulta por un bulto e marchar coa negativa do facultativo a facerlle probas e dicindo que aquilo "non era nada". Mais foi: un ano despois era un cancro grao III (avanzado). "Hai compañeiras que tiveron que ir á privada a se facer as probas porque na pública negábanse a facerllas", salienta. Os testemuños van pasando de muller en muller, entre xestos de apoio e solidariedade do resto das presentes.

Miriam Rodríguez conta que lle detectaron  un cancro de mama de orixe xenética, "polo cal me sometín a unha dobre mastectomía con reconstrución inmediata e as próteses definitivas". As próteses, afirma, non son as axeitadas "nin por forma, nin por tamaño, nin por material, xa que me provocan moitas dores e psicoloxicamente atópome bastante mal”. A isto engade que o servizo de revisión de citas de control, seguimento e avaliación da súa doenza, está colapsado. "Isto faime dano e o que me queda aínda por diante", di. 

As compañeiras asenten e toman o relevo con novos testemuños. "A miña primeira revisión tería que ser en outubro de 023 e foi en abril pasado", apunta María, paciente oncolóxica desde 2022. "Falta persoal e ves que o que hai está esgotado, non pode máis. Na sala de quimioterapia podes ver como ás enfermeiras non lle chegan as mans", sinala. 

"Isto é moi duro"

Ante as queixas e reclamacións  que presentan estas mulleres a resposta é, afirman, "un corta e pega" explicativo, o mesmo para todas, argumentando problemas puntuais. "Esta enfermidade é moi dura e o tempo aquí é moi importante, decisivo, non poden tratarnos así", piden  as comparecentes. "Xogan coas nosas vidas", resume unha familiar.


Silencio do conselleiro ante a solicitude dunha reunión

O pasado mes de marzo a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS canda un total de 15 pacientes, presentou unha queixa colectiva ante a Valedora do Pobo, entidade que tutela a defensa dos dereitos individuais e colectivos dos cidadáns da Galiza, ante o que consideran unha “vulneración reiterada de dereitos que están sufrindo os  pacientes oncolóxicas ao non recibiren a atención prevista nos protocolos que se deberían seguir no tratamento das súas doenzas”.

Á espera da evolución desta denuncia, as pacientes continúan a dar conta da situación que viven. Fernando Abraldes afirmou esta segunda feria que solicitaran unha cita co novo conselleiro de sanidade para  tratar este tema mais non recibiron resposta. "Estas mulleres son vítimas dunha xestión que lles está a infrinxir un dando importante".

Os tumores son a principal causa de morte na Galiza nas persoas de entre 30 e 80 anos. O número de casos de cancro, advirten as persoas expertas, vai seguir aumentando, consecuencia en boa medida da maior lonxevidade das galegas e galegos. Na Galiza faleceron en 2022 —último ano con datos— por mor do cancro 8.225 persoas. Isto é, 307 persoas mortas por cada 100.000 habitantes, unha cifra superior á media estatal (234).