Sanidade

PACs en pé de guerra critica “a cerrazón” do Sergas

Concentración de PACs en pé de guerra

O colectivo PACs en pé de guerra transmitiu publicamente a súa indignación polo trato dado ao seu comité de folga na reunión mantida coa Consellaría de Sanidade. Acúsana de non querer escoitar ao comité e de non consideralo como “lexítimo representante” das traballadoras e traballadores.

PACs en Pé de Guerra amosou publicamente a súa indignación coa consellaría polo trato recibido ao seu comité de folga, e acusouna de “cerrazón” ao non disporse a valorar a contraposta que lle transmitiron.

 

No seu comunicado, o colectivo salienta non saber se “o que molesta ao Sergas é a presenza neste comité de traballadoras e traballadores que ademais somos quen mellor coñecemos e sufrimos os incumprimentos do pacto e as deficiencias na calidade asistencial que podemos prestar".

 

Critican que o Sergas non teña vontade nin para entrar a valorar a contraproposta que o colectivo lle presentou. Así mesmo, salientan que non poden admitir a única solución que propón o Sergas e que consiste nun borrador que xa foi rexeitado.

 

PACs en pé de guerra amósase contrario a que se lles “recalcule” a xornada por enfermidade ou por permisos, e critican que desde o goberno galego se cualifique de incremento salarial “a unha débeda que se mantén desde o 2010, cando nos correspondía cobrar o 100% dos complementos”, segundo denuncian.

 

O colectivo considera ademais, que o conflito non pode ser solucionado no marco dunha negociación global coa atención primaria, e esixen, polas súas "especiais características e marco regulador" no que se lles encadra, a que o Sergas sente de novo co comité de folga e "atenda á proposta das traballadoras e traballadores".