Anxo Louzao

"Padecemos un goberno galego que non merece levar ese nome"

anxo louzao

A CIG vai renderlle homenaxe este sábado, 30 de setembro, en Compostela a Anxo Louzao, quen foi cabeza visíbel e secretario nacional da CIG-Ensino 16 anos. O sindicalista deixou a Secretaría Nacional a finais do curso 2016-2017, cando Suso Bermello o relevou no cargo. 

O 30 de setembro terá lugar nos Abetos, Compostela, a homenaxe que a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, lle rende a quen foi secretario nacional durante 16 anos, Anxo Louzao. Salienta as e os seus comoañeiros a súa “inquebrantábel defensa do ensino público e da clase traballadora”.

 

- Como afrontas unha homenaxe dos teus propios compañeiros e compañeiras de sindicato?

- É unha mostra de xenerosidade. Durante estes anos teño a certeza e a seguridade, porque así o vivín, que foi unha fortuna partillar o traballo e afrontar as dificultades do combate contando con compañeiros e compañeiras como estas. Esta homenaxe, ademais, só pode entenderse como recoñecemento a un traballo colectivo, de moitos persoas, que ao longo destes anos fomos quen de facer da CIG a referencia para o profesorado galego.

 

- Após 16 anos na secretaría nacional de CIG-Ensino, a un ritmo de traballo frenético, pasaches o relevo. Tes xa, por fin, tempo para aburrirte?

- Non me aburro, non. Nin moito menos, teño moitas cousas pendentes que facer porque a secretaría nacional foi algo que me ocupou totalmente. Así que agora preciso un pouco de tempo para as miñas cousas. É evidente que manteño o meu compromiso, quer no ámbito sindical, quer no político ou no cultural. A outro ritmo, claro. Nestes momentos atópome máis liberado, xa non existe esa presión, esa responsabilidade.

 

- Este foi o teu primeiro inicio de curso en 16 anos sen estar en primeira liña. Como se ve desde ese outro plano a situación do ensino galego?

- Véxoa igual, a perspectiva non me cambiou por non estar na secretaría nacional (ri). Pretendo seguir estando ao día e comprometerme. O ensino galego adoece de moitas carencias e necesidades. Padecemos un goberno galego que non merece nin levar ese nome, pois fai simple seguidismo da política españolizadora de Madrid, un goberno que ten como obxectivo desmantelar o ensino público en beneficio do privado. Eses son dous sinais de entidade deste goberno a respecto do ensino.

O inicio de curso deixa clara a necesidade dun cambio radical na política educativa. Falta profesorado, aulas masificadas, aumenta a precariedade, non se atende a diversidade. O marco autonómico está marcado por un deseño no que prima a españolización e a privatización. Só superando ese marco, tendo soberanía plena, poderemos ter un sistema educativo de noso.

 

- Que é o que máis valoras deses 16 anos á fronte de CIG-Ensino?

- Fomos quen de agrandar o sindicato, de facer da CIG o sindicato referente para o ensino galego. Perante calquera problema, calquera necesidade.. Fomos quen tamén de condicionar, moito menos do que nos gustaría, iso si, a política educativa galega. A educación en Galiza sería moito peor se non existise unha organización como CIG-Ensino.

Non somos só a organización maioritaria no sector, con 46% de representación. Hoxe son máis de 8.000 docentes galegos afiliados á CIG, o que supera a suma da afiliación do resto dos sindicatos actuantes na Galiza. Ser unha ferramenta fundamental para a clase traballadora no ensino, para avanzar cara á liberación social e nacional, é unha satisfacción.

O máis destacábel, pois, sería iso, ter consolidado unha organización sindical propia ao servizo do profesorado, imprescindíbel no ámbito educativo, referente, á que acoden mesmo docentes afiliados a outros sindicatos. O profesorado sabe que ten na CIG un instrumento para a defensa dos seus intereses e dun ensino público e ao servizo deste país.