OS HIPOCORÍSTICOS EN GALIZA

Un país de Pininis e Pilochas

Arsenio Fernández de Mesa, Corina Porro e Pilar Rojo [Imaxes: Wikipedia e Xunta de Galicia]

Que teñen en común Arsenio Fernández de Mesa, Corina Porro e Pilar Rojo, ademais do obvio? Que son coñecidos nos seus entornos máis achegados como Cuco, Perli e Pinini, uns hipocorísticos que á maior parte da poboación (os Susos, as Carmiñas e as Pilochas) lle resultan risibles. E cales son os que usamos os e as demais?

Nun país no que desde hai séculos as clases altas e as baixas non falan a mesma lingua, loxicamente os hipocorísticos que usan uns e outros son diferentes e funcionan tamén como marca de clase, aínda que nos últimos 30 anos o proceso de castelanización chegou a todas as capas de poboación, afectando tamén á onomástica e uniformizando estes procesos. 

Pinini e Pilocha (ou Pilucha noutras zonas) proveñen do mesmo nome, Pilar, pero por forza teñen que ser de procedencias distintas. Os hipocorísticos son en Galiza unha marca de clase, así que se queremos saber a procedencia social de alguén dos nosos maiores abonda con coñecelo. Se se chama Pebís, Pequeco, Chicha, Picuca, Conchitina, Pichanchi, Toya, Pitina, Lelín, Telé… é ben máis probable que pasara as sextas nun casino ou no aeroclub que sachando ou traballando nun aserradoiro. Temos exemplos abondos nas nosas clases acomodadas: Chocha de la Gándara (unha das propietarias de Televés e familiar de Carolina Bescansa), ‘Cuco’ Fernández de Mesa (director da Garda Civil), ‘Perli’ Corina Porro (ex conselleira do PP), ‘Pinini’ Pilar Rojo (ex presidenta do Parlamento galego) ou ‘Viri’ Elvira Fernández (muller de Rajoy).

Henrique Costas, catedrático de Galego da Universidade de Vigo, cóntanos verbo deste fenómeno que “sempre son unhas formas moi infantilizadas, case exclusivas; cada ‘pija’ en particular ten o seu hipocorístico especial. Tamén son indicadores da súa condición social. Só poden ser chamados así polos que pertencen á súa tribo. Ten que haber confianza. Son case nomes en clave que só comparten eles, ao igual que a esquerda na clandestinidade”. 

E préstanse á gargallada para quen non comparte alto berce, claro: “son hipocorísticos para caniches con lacito, non para a xente”, di o profesor entre risadas. “Os canduchos son todos canduchos, pero as ‘pijas’ non, son nomes case exclusivos, como Manancho, un que fora conselleiro, de nome Miguel Ángel”, sinala. 

Os galegos, en declive

Os hipocorísticos galegos son moitos e están en franco declive, advirte Costas. “Os Manueles pasaron de ser Manolos a ser Manus, e os Franciscos de ser Chiscos, Fucos e Farrucos a Frans”, tanto por influencia española como anglosaxoa, “velaí están os róber e os enri”. "Antes derivábanse das últimas sílabas do nome, de Antonio viña Tonecho, por exemplo, pero agora quedan coas primeiras", explica o profesor. “Tamén inflúe que hai un cambio onomástico importante, xa non hai hipocorísticos para David e Pablo, por exemplo, que son os nomes actuais máis comúns”.

“E as modas non son casuais nin espontáneas. Hai unhas causas que acompañan a unha tendencia inicial e lamentablemente”, di o profesor da Universidade de Vigo, “estas cousas son dificilmente reversibles”. Os Canduchos, Carmuchas, Pilochas, Carmelas, Maruxas, Caluchos, Susos, Tuchos… teñen escaso futuro e moitos deles xa desapareceron case por completo. É o caso de Xepe, o hipocorístico galego para Xosé, dado que Pepe procede realmente do catalán, chegando aquí a través do español, segundo Costas. Ou Perucho, de Pedro, que saía aínda na novela de Pardo Bazán ‘Los pazos de Ulloa’. Algúns resisten nos alcumes familiares, ao igual que antigos nomes galegos que non chegaron a ser moda dos últimos anos, como Xorxe ou Anxelo. 

Só uns poucos están sufrir un proceso de recuperación nos sectores máis galeguistas da sociedade, entrando xa como nomes: é o caso de Maruxa, Fuco ou Farruco. De feito, moitos dos que agora consideramos nomes galegos son en realidade hipocorísticos que evolucionaron ao longo dos séculos. Por exemplo: Sabela (Isabel), Xan (Xoán), Antón (Antonio) ou Catuxa (Cataliña ou Catarina), tal e como explica nun estudo Ana Isabel Boullón, da USC.