Saúde

Palacios retira as súas tortillas de patacas após varios casos de botulismo, cun ourensán que estivo na UCI

Tortilla de patacas comercializada por Palacios. (Foto: Grupo Palacios)
Até o momento confirmáronse catro casos no Estado español de intoxicación pola inxestión deste alimento e hai outros tres sospeitosos. 

O Grupo Palacios Alimentación vén de acordar a retirada "por precaución" dos seus produtos de tortilla de pataca envasada, logo de que se asociasen a varios casos de botulismo —intoxicación alimentaria pola inxestión de alimentos en mal estado—. A empresa asegurou adoptar "todas as medidas necesarias para detectar unha posíbel causa" deste gromo, a pesar de que as instalacións da fábrica na que se produce o alimento, que detivo temporalmente a súa fabricación, foron inspeccionadas até en catro ocasións recibindo un resultado "favorábel" por parte das autoridades sanitarias, defenderon.

Malia que a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan) "non puido estabelecer unha evidencia, nin nos produtos nin nos procesos, que relacionen causa e efecto", o grupo empresarial solicitou ás persoas consumidoras que adquirisen algún destes produtos que se absteñan de consumilo e procedan a devolvelo ao punto de venda no que o adquiriron para que reciban un reembolso do importe.

Desde Palacios subliñaron que a seguridade alimentaria é "prioritaria" para o grupo empresarial, que leva a cabo de maneira regular análises de control.E en ningún caso, afirmaron, foi detectado o patóxeno, nin as súas toxinas, en ningún dos produtos, reza o seu comunicado. Con todo, o xigante da alimentación, que pediu desculpas aos seus clientes polas molestias, aseverou que está a colaborar coas autoridades sanitarias "para aclarar este episodio cando antes".

Estas tortillas de patacas envasadas vendéranse en estabelecementos comerciais das seguintes grandes marcas:  Palacios, Chef Select, Auchan —Alcampo—, Eroski, Unide, Consum, DIA, Ametller, Condis, El Corte Inglés, Carrefour, Alipende, Grupo IFA e Rikissimo.

Un ourensán hospitalizado e xa dado de alta

Un dos catro casos confirmados de botulismo relacionados co consumo destas tortillas de patacas envasadas correspóndese a un home de 49 anos de idade que estivo ingresado no Hospital de Ourense, logo de inxerir este alimento o pasado 19 de xuño, mais xa recibiu a alta. O afectado, conforme sinalou o Ministerio, chegou a ser trasladado á Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Os outros casos confirmados foron os dunha muller italiana de 23 anos e o seu pai de 61, que regresaron a Italia desde Valladolid o 1 de xullo, consumindo a tortilla envasada o 30 de xuño. Os síntomas comezaron os día 1 e 2 deste mes. E o cuarto é un home asturiano de 50 anos que consumiu a tortilla o 5 de xullo e que tamén ingresou na UCI.

E, a maiores, foron notificados tres casos probábeis polo País Valencià, Madrid e Andalucía, en tres persoas de 43, 49 e 27 anos que iniciaron a sintomatoloxía o 21 de xuño, 10 de xullo e 1 de xullo, respectivamente, e con consumo de entre o 19 e o 5 de xullo. A persoa residente en Madrid requiriu tamén tratamento nunha UCI. Polo de agora non houbo ningún falecido entre os casos asociados a este gromo.

O botulismo é unha enfermidade grave mais relativamente infrecuente causada por toxinas producidas por Clostridium botulinum. Existen tres formas clínicas de botulismo: a forma clásica ou botulismo transmitido por alimentos, o botulismo intestinal e o botulismo por feridas. Todos eles dan lugar a parálise flácida pola acción da neurotoxina botulínica na unión neuromuscular. O Ministerio de Sanidade lembra que case todos os casos esporádicos e gromos teñen relación con produtos alimentarios preparados ou conservados por métodos que non destrúen as esporas e permiten a formación de toxina, habitualmente conservas caseiras.

Os síntomas do botulismo inícianse de forma aguda tras un período de incubación habitual de 12-36 horas, malia  que ás veces pode chegar a ser de varios días e até unha semana após a inxesta do alimento. Canto máis curto é o período de incubación, máis grave é a enfermidade e maior a letalidade.