VÍDEO NO INTERIOR

Estudantes manteñen o seu feche no Reitorado da USC: "Seguiremos até que nos desaloxen pola forza ou negocien"

Concentración da Asemblea por Palestina bloqueando o acceso ao Reitorado da USC, na praza do Obradoiro de Compostela. (Foto: Arxina)
Fontes da USC trasladaron que o reitor tentou falar con portavoces da asemblea para instalos a reconsiderar a súa posición, mais "non foi posíbel", e o persoal de servizos de xestión tivo que marchar á casa, polo que a universidade "está parada".

Estudantes da Asemblea Aberta Internacionalista do estudantado e da clase traballadora de Compostela por Palestina que iniciaron esta segunda feira un fechamento no Colexio de Santo Xerome, onde está situado o Reitorado da Universidade de Santiago de Compostela (USC), continúan dentro das instalacións da institución académica, onde esta terza feira non puido acceder o persoal nin tampouco o propio reitor, Antonio López.

Fontes da USC trasladaron que o reitor tentou falar con portavoces da asemblea para instalos a reconsiderar a súa posición, mais "non foi posíbel", e o persoal de servizos de xestión tivo que marchar á casa, polo que a universidade "está parada". Con todo, as representantes do estudantado que atenderon os medios de comunicación antes da concentración convocada na compostelá praza do Obradoiro denunciaron "actitudes hostís" e que non existe "unha vontade de diálogo real".

Aínda que celebran que "a USC por fin se abra a estabelecer vías de comunicación coa Asociación Galaico Árabe-Jenin", ven insuficiente o manifesto aprobado polo Consello de Goberno da institución académica e salientaron a "negativa" deste órgano para "aprobar ningún dos puntos" recollidos no documento presentado pola asemblea.

Tamén advertiron que, se non se aceptan as súas reivindicacións —entre as que están que a USC rompa con calquera empresa, institución e universidade con vínculos con Israel—, están dispostos a que o feche siga de forma indefinida, salvo que sexan "desaloxados pola forza". De feito, manifestaron o seu temor por redes sociais ante a presenza de unidades da Policía nas proximidades do Reitorado.

Antes da concentración, á que se sumaron unha trintena de persoas diante de Santo Xerome —onde pegaron unha imaxe do reitor da USC sobre a que escribiron a palabra "sionista"—, a asemblea remitiu un comunicado no que advirte que "non hai nada máis violento que utilizar as traballadoras como escusa para a inacción da universidade".

No texto, difundido aos medios, afirman que comunicaron ao xefe de seguridade que non permitirían o funcionamento "normal" do Reitorado —unha postura na que se reafirmaron— e censuraron que, tras a citada comunicación, este se desprazase á entrada "seguido por vinte traballadoras" para dicirlles, segundo a versión do estudantado, "por culpa destes criminais non tedes dereito ao traballo".

Concentración fronte ao Reitorado da USC. (Foto: Arxina)

"A nós o dereito ao traballo parécenos xenial, pero máis nos preocupa o dereito á vida, á liberdade, á educación e á infancia", remarcaron. Unha mensaxe que tamén lanzou unha das voceiras do feche que se dirixiu aos medios de comunicación que se desprazaron a Santo Xerome. "Danos colaterais? Está a haber un xenocidio", esgrimiu.