Covid-19

Tres anos de emerxencia sanitaria mundial: cando rematará a pandemia?

Test de antíxenos positivo. (Foto: Nós Diario)
Tedros Adhanom Ghebreyesus chama a "aprender as leccións" da Covid-19 e a garantir unha sanidade "sólida", nomeadamente na Atención Primaria: "Podemos facer que o mundo sexa máis seguro".

O sábado 14 de marzo, hai hoxe exactamente tres anos, Pedro Sánchez convocaba un Consello de Ministros urxente para decretar o estado de alarma, tres días despois de que a Organización Mundial da Saúde (OMS) anunciase a situación de pandemia por mor da Covid-19. Daquela había na Galiza 135 casos confirmados, dos que sete eran pacientes ingresados na UCI e 27 noutras unidades de hospitalización, mentres os restantes ficaban na casa.

36 meses despois, unha de cada catro galegas e galegos padeceu nalgún momento esta doenza —un total de 696.067 persoas, segundo os últimos datos achegados polo Sergas—, cun total de 4.086 falecidos. A pandemia segue a activa para unha OMS que, con todo, comeza a albiscar o retorno total á 'vella normalidade'. Iso acontecerá "nalgún momento deste ano", afirmou esta terza feira o director xeral da organización, Tedros Adhanom Ghebreyesus. Nese momento darase por rematada a pandemia da Covid-19 e, polo tanto, a enfermidade xa non se considerará unha emerxencia de saúde pública de interese internacional.

Un mes e medio antes de alertar o planeta enteiro, o 30 de xaneiro de 2020, a OMS ollaba xa con atención ao novo coronavirus que irrompera con forza na China, se ben aínda había menos dun cento de casos notificados fóra deste país e ningunha morte reportada. "Tres anos despois hai case sete millóns de mortes rexistradas por Covid-19, aínda que sabemos que o número real de falecementos é moito maior. Porén, estamos nunha posición moito mellor agora que en calquera momento durante a pandemia", precisou Tedros na cerimonia de entrega da Medalla Thomas Francis Jr. en saúde pública mundial.

A reticencia da OMS a pór punto e final á pandemia débese á crítica situación que aínda atravesan numerosos países do mundo, os considerados subdesenvolvidos ou en vías de desenvolvemento. En Europa, porén, as persoas expertas consideran concluída a situación de emerxencia polo coronavirus e cren que é hora de mirar cara adiante e fechar este complicado capítulo da nosa historia.

Ora ben, o dirixente do organismo dependente de Nacións Unidas destacou a necesidade de aprender das leccións que trouxo consigo a pandemia porque, en caso contrario, "repetirase o ciclo de pánico e neglixencia" que foi o "selo distintivo" da resposta mundial ás epidemias e pandemias durante décadas.

"Se aprendemos podemos facer que o mundo sexa máis seguro para nós e para quen veñan despois de nós", recalcou, para logo subliñar a importancia que ten a saúde pública, contar con sistemas sanitarios fortes, continuar cos labores de rastrexo e garantir unha Atención Primaria "sólida" aumentando os recursos.

"Pedimos a todos os países, de todos os niveis de ingresos, que invistan en saúde pública e, especialmente, en Primaria. Tales investimentos amortizaranse moitas veces ao previr e mitigar o impacto de epidemias e pandemias, pero tamén ao evitar ou atrasar a necesidade de atención secundaria e terciaria máis custosa", salientou Tedros.

Por outra parte, o director xeral da OMS lembrou a importancia de coñecer como comezou a propagarse o coronavirus en todo o mundo, un punto no que aproveitou para arremeter contra a China: "Máis de tres anos despois de que comezase este gromo aínda non sabemos como se produciu, debido á falta de cooperación de China para ser transparente no intercambio de datos, realizar as investigacións necesarias e compartir os resultados".

"Até que non se fagan eses estudos, todas as hipóteses sobre a orixe do virus quedan sobre a mesa, pero se algún país ten información relevante para algunha hipótese é fundamental que esa información sexa compartida coa OMS e a comunidade científica internacional", concluíu Tedros.