A pandemia deixa un exceso de 291 mortes na Galiza nas 10 primeiras semanas deste ano

Traballadoras saíndo dunha residencia (Foto: Europa Press)
Un 4% máis.

Galiza rexistra un total de 7.265 mortes nas 10 primeiras semanas de 2021 -até o 7 de marzo-, o que supón un exceso de 291 defuncións respecto ao mesmo período de 2020, un 4% máis.

Así figura nos datos publicados esta cuarta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que realiza unha táboa experimental durante o surto de Covid-19 con cifras de defuncións que actualiza cada dúas semanas.

Esta taxa de incremento de falecidos na Galiza é inferior á media no estado español nas 10 primeiras semanas, onde se alcanza o 18,2% de aumento.

Até finais de 2020, a cifra de persoas falecidas creceu en Galiza un 6,28% respecto ao ano anterior (1.959 defuncións máis), ao que agora se suma o exceso deses 291 óbitos. Isto deixa unha cifra similar ás vítimas por coronavirus acumuladas a esas alturas.

Por provincias, A Coruña é a única que rexistra un incremento de falecidos nas 10 primeiras semanas de 2021 (+18,44%). En cambio, baixa no resto: Lugo (-11,30%), Ourense (-2,76%), Pontevedra (-2,20%).