A pandemia obriga a pechar catro escolas infantís e máis de 50 aulas

(Foto: Europa Press)
Os positivos seguen en descenso e sitúanse nos 1.011 casos.

A evolución da pandemia da Covid-19 na Galiza obriga a manter pechadas un total de catro escolas infantís xunto a unhas 51 aulas ao longo do país. A pesar diso a incidencia mantén unha tendencia cara ao descenso de casos, cuns 1.011 positivos no sistema educativo.

Así se desprende das cifras trasladadas hoxe polas autoridades sanitarias respecto da situación do coronavirus nas instalacións educativas galegas, e nas que Vigo e A Coruña sitúanse como as áreas con maior número de contaxios nos centros, institutos e gardarías.

Galiza conta con dous novos peches de centros respecto deste sábado. En concreto, a escola infantil Chiquis de Pontevedra, que conta con dous casos confirmados, e a de Cáritas Tui-Vigo, que presenta un positivo.

Estes súmanse á escola infantil Bárcala de Cambre e de Xirandola de Compostela, que tiveron que pechar a pesar de contar cun único positivo, respectivamente.

A área de Vigo, que mantén o maior número de positivos, conta con 271 casos e 5 aulas pechadas, ademais dunha gardaría.

O máis afectado é o centro privado Plurilingüe As Acacias-Montecastelo, que suma agora uns 11 contaxios.

A área da Coruña, con 226 positivos 14 aulas pechadas e unha escola infantil afectada, ten os puntos de maior incidencia no CEIP Virxe da Barca de Muxía, con once casos e tres aulas pechadas, e o CEIP Fogar de Carballo cunha decena de positivos.