Análise

As tres pantasmas do Nadal (sanitario)

A pantasma do pasado lévanos a un cobizoso afán privatizador da sanidade como negocio (Foto: Álex Rozados).

É este un mes moi acaido para referencias literarias que nos acompañan desde a infancia. Venme á cabeza Un conto de Nadal, de Charles Dickens, onde o protagonista, o Señor Scrooge, egoísta e avaro como poucos, recibe a visita de tres pantasmas coas que percorrerá o seu pasado e presente, e que lle amosan un posible futuro se non é quen de facer un cambio de actitude ante a vida. Máis unha fábula que un conto, pola lección que parece transmitir o autor, hai quen interpreta esta historia desde a crítica ao capitalismo que ten na profunda desigualdade social e a pobreza as súas peores consecuencias. 

Vénme o recordo desta referencia dickensiana ao pensar na situación actual do sistema sanitario público e na atención á saúde mental. Tamén podería botar man do refraneiro popular para valorar a situación preocupante que estamos a vivir: "daqueles pos veñen estas lamas".

A pantasma do pasado lévanos a un cobizoso afán privatizador da sanidade como negocio, que pasa por depauperar e desacreditar o sistema sanitario público adelgazando a inversión e os recursos, e que tivo na crise económica de 2009 (pero iniciándose moito antes, non esquezamos o modelo Alzira) unha oportunidade de aceleración neste obxectivo, con peches de camas e unidades, con taxa de reposición na contratación de profesionais, co-pagamentos e con exclusión sanitaria a quen carece de documentación. Mentres asistimos a unha especie de fascinación pola tecnoloxía, o eixe fundamental do sistema sanitario, a Atención Primaria, deixábase esmorecer. 

Na atención á saúde mental vivimos coas contas conxeladas (en persoal, en servizos e programas) durante longo tempo, e por momentos a piques de perder o escaso que se tiña, con amezas de peches de unidades hospitalarias. Son tempos de involución en dereitos asistenciais e de emigración profesional. De listas de agarda que van aumentando e concertacións privadas, tamén de subvencións de servizos a terceiros. Ao mesmo tempo investían, con escasa repercusión social, en proxectos de xestión de trastornos de saúde mental a través de tecnoloxías e servizos avanzados, baseados na 
telemedicina. 

A cuña publicitaria repetida leva a mensaxe de "vivimos por riba das nosas posibilidades, facemos un mal uso dos servizos públicos, a austeridade como medida de sostibilidade do sistema".

A pantasma do presente tráenos esperas de días ou semanas para poder ser atendidas nos centros de saúde, mentres cambian equipos informáticos a novas pantallas con videocámara. Tráenos a teleconsulta como o futuro posible e desexable. De forma paradoxal, o slogan das estratexias de humanización da asistencia sanitaria nos diversos hospitais do Sergas reza: "Preto de ti". Ben curioso que teñamos que humanizar o humano, a saúde e a enfermidade, os espazos sanitarios, as relacións profesionais, o trato aos doentes. 

"Preto de ti", repiten, pero hai carestía de persoal de medicina e enfermería, tamén de pediatría na Atención Primaria, e PAC abertos con equipos profesionais incompletos. Na atención a saúde mental, as listas de agarda alcanzan cifras históricas inasumibles. Terminaba o ano 2021 con dez mil persoas á espera dunha primeira consulta de saúde mental, e en xuño de 2022 hai mil persoas máis que no mesmo período do ano pasado. 

Segue aumentando a prevalencia de problemas de saúde mental, tamén nas profesións sanitarias. Publícase un plan de atención para "coidar aos que coidan", pero non pasa de realizar charlas online con títulos como "resiliencia e felicidade en tempos difíciles" e caixas de agradecemento. Non se poñen en marcha os plans de prevención de riscos
psicosociais.

 Mentres asistimos a unha especie de fascinación pola tecnoloxía, o eixo fundamental do sistema sanitario, a Atención Primaria, deixábase esmorecer

Nun lugar esperanzador deste presente, como tamén ocorreu no pasado, segue a haber unha contestación social cada vez máis forte, con centos de concentracións por todo o pais, reclamando unha sanidade pública universal, equitativa, de calidade. As marchas do día 30 de novembro convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública dan conta da sensibilidade social dunha cidadanía que se sabe suxeito de dereitos. 

É posible que a pantasma do futuro recolla o efecto destas reivindicacións xustas, porque nos vai a vida niso. O contrario significaría aumentar a inequidade e desigualdade en saúde, onde o sistema público fora anecdótico para quen non puidese afrontar o pago de seguros privados (que aumentou a súa clientela nos últimos anos), onde o trato persoal e personalizado vaia reconverténdose nunha virtualidade tecnolóxica e onde a accesibilidade á atención primaria de saúde e tamén a atención á saúde mental sexa unha quimera e teñamos que re-inventar un Alma-Ata.