Paralizados de forma cautelar os parques eólicos Bustelo e Campelo, aos que podería sumarse Monte Toural

Parque eólico da enerxética galega en Vimianzo. (Foto: Greenalia)
Adega logra reunir a contía exixida a modo de caución polo TSXG para facer efectiva a medida.

Unha semana abondou para que a campaña 'Ti podes paralos!', impulsada pola asociación ecoloxista Adega co obxectivo de afrontar os depósitos de 20.000 euros que demandaba o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) para facer efectiva a paralización dos parques eólicos Bustelo e Campelo (Greenalia), lograse o seu obxectivo, cando aínda restaban 5 días para o seu remate.

"Hoxe é un día de celebración e de xúbilo para todas as organizacións, entidades, plataformas e persoas particulares que coas súas achegas voluntarias contribuíron a facer posíbel a paralización efectiva dos parques eólicos", sinalan as ecoloxistas nun comunicado.

Nestes últimos sete días, a cantidade recadada ascendeu a 23.692 euros, a través de 220 doazóns e 18 préstamos que fan conxuntamente 238 achegas. Adega anunciouno esta sexta feira, hai escasos minutos, só dous días despois de que se fixese efectiva a primeira das medidas cautelares ditadas polo TSXG, nese caso contra o proxecto Campelo, ao que esta sexta feira se sumará Bustelo.

A entidade considera que este "contundente e masivo apoio da sociedade galega" á campaña "pon de relevo a existencia dun forte e amplo rexeitamento social ao actual modelo eólico da Xunta e a súa política enerxética".

Neste senso, fan alusión ás recentes resolucións xudiciais ditadas contra as medidas adoptadas polo Goberno galego, como a anulación firme dos proxectos Sasdónigas, Serra do Iribio e Corme —repotenciamento—.

O proxecto de parque eólico Monte Toural, tamén promovido por Greenalia na mesma contorna de Bustelo e Campelo —Carballo, Coristanco, Santa Comba e Tordoia—, podería ser o seguinte en ser sometido á paralización cautelar por parte da Xustiza, pois, segundo denunciaron Adega e a Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica no seu recurso, estas tres iniciativas conformarían un único 'macroproxecto', incorrendo nun suposto de "fragmentación artificial" dunha única instalación.

"Entre todas e todos vimos de demostrar que xuntas podemos defender a nosa terra e o noso pobo dos abusos das grandes promotoras eólicas e, mesmo, impedir a construción de proxectos eólicos autorizados — indebidamente— pola Xunta, que son agresivos co noso territorio e inxusto coa veciñanza", engaden desde Adega.

Por outra parte, tanto a propia Adega como a PDCC presentaron tamén un recurso perante o TSXG contra a imposición desas caucións que condicionaron a efectividade da paralización decretada sobre os parques eólicos, amparándose na existencia "dunha cada vez máis ampla xurisprudencia que exime as entidades sen ánimo de lucro defensoras de intereses públicos de ter que facer fronte a garantías ou caucións para efectivizar as medidas cautelares".