Unha parroquia de Riotorto leva seis días sen fibra óptica

Vilar de Santiago, no concello de Riotorto, comarca de Meira. (Foto: Google Maps)

A veciñanza da localidade de Vilar de Santiago, no concello de Riotorto, comarca de Meira, denuncia que leva seis días sen acceso á fibra óptica.

A maioría dos residentes do Vilar de Santiago teñen contratado o servizo de fibra óptica coa  empresa Adamo, que está ampliando a súa carteira de clientes nas comarcas da Mariña, Meira e Terra Cha ao contar cun rede propia.

A veciñanza desta parroquia de Riotorto denuncia levar sen fibra óptica desde a segunda feira de 9 de setembro, tras rexistrarse unha avaría á que Adamo non da resposta nin soluciona.

Unha veciña afectada, Marisol Balseiro sinala a Nós Diario que a falta de conexión a internet "estanos afectando a moitos seriamente na nosa vida cotiá a nivel persoal e profesional".

Balseiro apunta que “isto está a xerar un problema grave ás empresas asentadas aquí, que non poden realizar trámites en liña, pero tamén a todos os veciños que estamos privados de televisión ou internet”.

É inaceptábel que un empresa como Adamo nos deixe a un pobo enteiro durante seis dias sen fibra”, destaca Balseiro, quen denuncia que “despois de todo este tempo aínda non temos solución”.

A veciña do Vilar de Santiago critica "non puidemos contactar con ningún responsábel que nos ofrecera unha explicación ou unha data estimada de resolución do problema" e denuncia que atención ao cliente da empresa é "practicamente inexistente.

Servizos no rural

Balseiro relata que "realizou moitas chamadas á compañía, nas que estiven agardando a que alguén contestase 18 minutos, 15 minutos…, outras veces colgando por aburrimento. Acabei poñendo unha queixa en Twitter (agora X) e pedíronme que me puxera en contacto con eles a nivel privado, e o único que me dixeron é que había unha incidencia na fibra, ou que é evidente, porque non hai servizo”.

Esta situación evidencia unha vez máis o desinterese das grandes empresas polo rural”, asegura Balseiro “pois parece que este só serve para conseguir fondos europeos, a través de proxectos que moitas veces están mal executados e que non garanten un servizo de calidade a longo prazo”.