Tres parroquias 'desaparecen' ao ficaren sen habitantes

Cemiterio da parroquia de Soutomerille, onde xa non vive ninguén. (Foto: Nós Diario)
Na Galiza hai 3.792 parroquias civís, figuras que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Esa, 3.792, é a cifra de parroquias que leva décadas ofrecéndose, mais que xa non se axusta á realidade, pois son 3.789 após tres delas 'desaparecer' ao ficar sen ningún habitante.

Soutomerille, no concello de Castroverde (comarca de Lugo); Rebordondo, en Monterrei (comarca de Verín); e Virxe do Camiño, en Pontevedra. Estas son tres parroquias galegas onde xa non vive ninguén. Cero habitantes, segundo as estatísticas do Instituto Galego de Estatística (IGE). Noutrora terían, como o resto de parroquias do país, núcleos de poboación, veciñanza, festas parroquiais, tarefas e traballos, mais xa non fica quen poida ter memoria daquela época. Son as tres parroquias deshabitadas. Un risco que paira sobre outras dez, que contan con menos de cinco veciñas e veciños, segundo o IGE.

Así, nas parroquias do Barón, no Concello de San Amaro (comarca do Carballiño); e Cantoña, en Baños de Molgas (comarca de Allariz-Maceda); xa só hai dous habitantes en cada unha delas. En Gueral, concello de Coles, e A Alberguería, no de Vilar de Barrio, ambos os dous no sueste do país, só hai tres veciños en cada unha desas parroquias.

Contraste

O contraste con isto son as seis parroquias galegas que teñen máis de 50.000 habitantes e que corresponden coas cidades. Así, estas parroquias son as da Coruña, con 213.000 persoas; Vigo, con 200.000; Ourense, con 99.000; Lugo, con 90.000; Santiago de Compostela, con 79.000, e Pontevedra, con 62.000.

Ao tempo, o despoboamento rural avanza de forma sostida e continuada na Galiza. Segundo os datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para 2022, último ano con cifras, 1.895 núcleos de poboación galegos carecen de habitantes. Nesta liña, destaca que as comarcas situadas na circunscrición de Lugo contan con 885 lugares abandonados, as da Coruña con 671, as de Ourense con 173 e as Pontevedra con 166. Ao tempo, adianta que outros 2.500 asentamentos están próximos a repetir esta situación.

Ortigueira, á cabeza

As comarcas de Ortegal, A Mariña e O Eume presentan os peores números. Así, o concello de Ortigueira rexistra 124 núcleos sen residentes, outros 30 cunha persoa censada e 136 con menos de 10 habitantes. Asemade, o municipio perdeu 48,1% da súa poboación desde 2020, pasando de 8.533 habitantes a 5.420. A continuación, colócase o veciño concello das Pontes, con 87 núcleos abandonados e unha perda de habitantes de 21,2% no mesmo período.

Os concellos de Muras e Ourol sitúanse tras As Pontes. O primeiro deles rexistra 59 núcleos abandonados, 47,4% menos de poboación que no ano 2000, e 50,4% da poboación cunha idade superior a 64 anos. O segundo declara 51 lugares sen residentes, unha perda de poboación de 37,7% nos últimos 20 anos.

As Somozas, municipio limítrofe coas Pontes e Ortigueira emprazado na comarca do Eume, mantén 50 núcleos de poboación sen residentes. Ao tempo, perdeu 37,8% dos seus habitantes desde o ano 2000.