Parte de Vigo unha expedición que investiga a quenlla branca cantábrica

Investigadoras do 'Ocearch', esta segunda feira en Vigo. (Foto: Pedro Dávila / Europa Press).
A embarcación puxo rumbo Bilbao, Francia e Irlanda.

O buque de investigación estadounidense Ocearch e un equipo de científicos da Fundación Oceanogràfic de Valencia e doutras entidades explorarán as augas da Galiza e de todo o mar Cantábrico na procura de quenllas brancas para analizar se a poboación desta especie na zona provén do Mediterráneo.

As investigadoras presentaron esta campaña durante esta segunda feira en Vigo, de onde partiu unha embarcación que permanecerá nas augas durante uns 12 días até chegar a Bilbao para realizar o seu estudo, desde onde porán rumbo a Francia e Irlanda.

En concreto, permanecerán na contorna galega arredor de 48 horas (segunda e terza feira) e, tal e como explicou Pablo García-Salinas, colaborador científico da Fundación, serán cinco as profesionais que de maneira continua permanezan no buque, mentres que outras cinco subirán de forma puntual en distintos portos.

Segundo indicou, durante os próximos días capturaranse as quenllas brancas e outros tipos de quenllas para analizar a súa situación. Así, extraeranse da auga só durante 15 minutos co obxectivo de analizar distintos aspectos, como o seu tamaño, a súa xenética para saber se proveñen do Mediterráneo, a súa situación reprodutora ou as especies que habitan sobre elas, entre outros moitos temas.

Continúa o acoso ao arroaz da Costa da Morte

A Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma), que a semana pasada denunciou a situación de "acoso" e "maltrato" que sofre por parte dos e das bañistas un arroaz solitario que desde hai unhas semanas frecuenta diversas praias e portos da Costa da Morte, revelou que o problema continúa. "É un animal salvaxe dunha especie protexida e temos que darlle a máxima tranquilidade;  a interacción con el está prohibida por lei", lembra Cemma.