Ana Pontón propón medidas urxentes face a escalada de feminicidios

"Que pasaría se en lugar de mulleres asasinasen 15 deputad@s en dous meses?"

15 mulleres asasinadas no que vai de ano, 2 delas na Galiza. Máis que suficiente para despregar unha completa batería de medidas contra os feminicidios, afirma Ana Pontón, que realizou esta segunda feira unha conferencia de imprensa monográfica sobre o asunto. Denunciou que, en incumprimento da lei, a Xunta aínda non convocou as axudas do salario da liberdade.

"Arrepiante" foi o adxectivo con que Ana Pontón cualificou esta segunda feira a escalada de feminicios no que levamos de 2017. Arrepiante é tamén, considerou a portavoz nacional do BNG, a inacción dos gobernos español e galego perante esta nova vaga de actos de terrorismo machista.

"Que pasaría se en apenas dous meses asasinasen 15 deputados ou deputadas? Como reaccionaría a sociedade e, sobre todo, como reaccionaría o Goberno central e o Goberno galego ante eses 15 crimes? Con minutos de silencio? Con declaracións rituais de condena? Seguro que non", afirmou Pontón nunha comparecencia informativa decorrida no Parlamento galego.

A dirixente soberanista subiu o ton da súa declaración e, con vehemencia, acrescentou: "se [para loitar contra estes crimes] hai que declarar un estado de excepción, que se declare, pero non podemos ver como inevitábel que exista violencia contra as mulleres".

Perante este estado de cousas, o BNG propón unha reformulación das políticas contra a violencia machista que comece por admitir o fracaso das instrumentadas até agora. 

"Se [para loitar contra estes crimes] hai que declarar un estado de excepción, que se declare"

Nese sentido, puxo en destaque que -de acordo co último Informe da Lei de Prevención e Tratamento da Violencia de Xénero- 40 por cento das solicitudes de ordes de protección -1.564 en 2015- foron desestimadas. Hai máis: as denominadas pulseiras de afastamento só foron autorizadas en 22 casos de 930 ordes de protección, apenas 2,4 por cento, enfatizou Pontón.

Denunciou a líder nacionalista que "as mulleres están a ser asasinadas con ordes de afastamento e mesmo en lugares onde deberían estar protexidas polos poderes públicos, como hospitais ou residencias de terceira idade".

É por isto que o BNG formula dúas propostas concretas para a súa aplicación imediata:

  • A implantación das pulseiras de afastamento a 100 por cento dos agresores nos casos en que as vítimas teñan unha orde de protección (na Galiza por volta de mil).
  • A substitución do actual sistema de valoración de riscos, un programa informático (VIOGén) que neste momento estaria a rexeitar 40 por cento das solicitudes de orde de protección

A tamén portavoz do grupo parlamentar do BNG denunciou que a estas alturas de 2017 a Xunta aínda non abriu a liña de axudas ás vítimas da violencia machista, coñecidas como o salario da liberdade. Pontón demandou un aumento das partidas destinadas a este capítulo, apenas 5 millóns de euros, e lembrou que esa contía está por debaixo do que a Xunta gasta en manter a Cidade da Cultura ou en persoal de gabinete.

Lembrou aínda que o Pleno do Parlamento galego aprobou a pasada lexislatura, precisamente a iniciativa do BNG, que o salario da liberdade debería estar disponíbel durante todo o exercicio orzamentario.