Árbores caídas, estradas cortadas e outras incidencias polo paso de 'Karlotta' pola Galiza

O temporal deixa refachos de vento de até 202 km/h. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
A circunstancia que máis está a complicar as operacións na Galiza é o vento, con refachos que xa superan o 170 km/h na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, e os 202 km/h en Penedo do Galo, en Viveiro.

O paso da borrasca Karlotta pola Galiza está a saldarse esta quinta feira cun regueiro de incidencias, choivas copiosas e ventos de moita intensidade que superaron mesmo os 202 km/h en Viveiro (A Mariña) e en Carballeda de Valdeorras. A caída de pólas e árbores, así como o desprendemento de fachadas e galerías foron as incidencias máis frecuentes durante a mañá e sucedéronse por todo o país. A borrasca tamén tivo influencia no tráfico ferroviario e mais no aéreo.

A circunstancia que máis está a complicar as operacións na Galiza é o vento, con refachos que xa superan o 170 km/h na estación de Lardeira, en Carballeda de Valdeorras, e os 202,3 km/h en Penedo do Galo, en Viveiro. Segundo a información das estacións de Meteogalicia, os refachos tamén chegan a 153 no Xistral, en Muras, e a 150 en Vimianzo. En Punta Candieira, en Cedeira, o máximo márcano os 149 km/h.

As choivas, pola súa parte, están a afectar sobre todo o noroeste do país. Os puntos onde máis choveu son Santa Comba, con 62,9 litros por metro cadrado; Zas, con 53,1 litros por metro cadrado, e Lousame, con 46,4 litros por metro cadrado.

Incidencias

Entre as incidencias máis relevantes sucedidas na mañá de hoxe está a caída dunha árbore sobre a vía, que cortou a circulación ferroviaria durante unha hora entre Catoira e Pontecesures, con atrasos nos trens da liña Pontevedra-Santiago. Ademais, o vento obrigou a regresar a Madrid dous voos que debían aterrar na Coruña e outro entre Bilbao e Santiago de Compostela.

Na cidade de Ferrol rexistrouse á primeira hora a caída dun valo xunto ao Gran Hotel, que cortou parcialmente a vía, así como a caída dun muro na rúa Mendizábal. Na Coruña, pola súa parte, desprendeuse parte dunha caseta de obra instalada na fachada dunha vivenda en Juan Flórez, que caeu sobre un carril de circulación, aínda que sen causar danos persoais nin aos vehículos.

Na comarca da Mariña, a caída dunha árbore cortou parcialmente durante unhas horas a N-642 en Ribadeo, e en Foz produciuse o desprendemento dunha galería. A autovía A-54, entre Santiago e Lugo, rexistrou varias incidencias por caídas de ramas, que tiveron que ser retiradas.

A estrada do Río Rato (LU-P-2925) permanecerá cortada durante dous días á altura do quilómetro 0,7 para realizar labores de limpeza tras un desprendemento de terra rexistrado esta madrugada, segundo informou a Deputación de Lugo.

Ademais, a Xunta mantén activo o Plan Especial ante o Risco de Inundación na Galiza (Inungal) polo posíbel desbordamento do río Verdugo ao seu paso polo municipio de Ponte Caldelas.