Análise

A patoloxía da deshumanización

Vistas do horizonte de Compostela desde a fiestra dun cuarto do Hospital Provincial de Conxo. (Foto: V. Formoso Gosende).
Valentina Formoso Gosende é de Ribadomar e profesora de Ensino Secundario.

A vista do amencer desde a terceira planta do Hospital Provincial de Conxo non está nada mal. O cuarto mira cara ao norte e vexo desde o Cottolengo ata a igrexa do barrio, no medio da estampa –no alto– as torres da catedral. Ningunha luz de máis que nos lembre que é Nadal, ningunha intermitencia luminaria nas traseiras das casas, cara a aquí non hai fachadas.

O amencer está na fronte, fóra da ventá. Dentro, ás miñas costas, o ocaso dunha persoa á que meteron en coidados paliativos porque tiña unha infección respiratoria pola que decidiron non loitar no CHUS. Ten oitenta anos, para o mes cumpriría oitenta e un, pero alguén acordou que non lle ía dar esa oportunidade. Non a merecía? Fixo algún mal? Ser vella e ter patoloxías previas. Veño de descubrir que isto quere dicir nalgúns espazos do Sergas "hai que ir morrendo".

Os recortes na sanidade pública levan a que os e as profesionais non poidan desenvolver ben o seu traballo, pero nunca poden levar á deshumanización dunha profesión que debería ser a máis humanizada de todas. Con medios e recursos abondos resulta máis doado o traballo e redunda nun beneficio para as persoas doentes (atención, tempos de espera, probas...) que todo o mundo coñece. E non se pode suplir o tempo que se precisa para mirarlles aos ollos ás persoas doentes e coñecer as súas historias pola aplicación rápida e á lixeira de protocolos.

Segundo o protocolo

Quen se limita a aplicar protocolos, sen escoitar a doente (e/ou falar coa familia), sen empatizar, actuando con prepotencia e presupoñendo, comete erros e graves. Pero o que é peor: quen en vez de pacientes, en vez de persoas, ve só números de historia clínica e códigos de barras, non pode xustificarse na falta de persoal da sanidade pública para escusar os seus erros.

Miña nai ingresa no Clínico derivada dunha residencia, ten un párkinson avanzado (o que a converteu en dependente) e un problema de saúde mental. Toma tratamento psiquiátrico mais non ten deterioración cognitiva. Alguén que sabe sempre onde está e con quen, que reclama o que necesita, que mantén conversas sobre o presente, o pasado e o futuro (sendo consciente de que este nunca vai ser moi longo), que expresa desexos e preocupacións do día a día, que goza dos netos e da neta, que come pola súa man e sabe sempre o que come... non ten deterioración cognitiva. Mais este diagnóstico aparece nun informe que elaborou un facultativo que non a mirou mais ca medio minuto ao lonxe en urxencias e leu a correr os seus datos (ou os doutro que estaba ao lado, vai ti saber) e desencadea un desenlace que el se encarga de asinar e logo outros, actuando do mesmo xeito, de formalizar. Tivemos mala sorte, xa o sei, por suposto que existen profesionais excepcionais, que manteñen en pé o noso sistema de saúde, mais batín con moi poucos desta volta.

Miña nai non ten deterioración cognitiva, pero retiráronlle o antibiótico para poñela a morrer en paliativos, iso si, segundo o protocolo

A suma de "deterioración cognitiva" máis "idade avanzada" (concepto que non sei ben onde comeza, nos 68?, 70?, 75?) máis "patoloxías previas" máis "infección respiratoria" dá como resultado "ir a coidados paliativos morrer canto antes". Así seica o pon o protocolo. Non sei se é o que elaboraron cando foi da Covid, se xa estaba ou se o puxeron despois, pero tanto nos ten e iso xa entraría noutra reflexión.

En decembro de 2023, aínda que haxa andazo de gripe A, non estamos en pandemia e miña nai non ten deterioración cognitiva, pero retiráronlle o tratamento antibiótico (co que levaba 36 horas e que lle provocara unha melloría importante) para poñela a morrer en paliativos, iso si, segundo o protocolo. Podo entender que pacientes das características da miña nai non ingresen nunha UCI se non responden ao tratamento pautado, pero que se lle retire o devandito tratamento cando están respondendo non o entendo, e moito menos entendo que se aplique un protocolo en base a unha información errada e que se tarde día e medio, despois de moito protestar a familia, en mudar o camiño. Tarde de máis. Se cadra, a pesar do antibiótico, non podía superar este achaque, pero ela merecía que se tentase.

Humanización

Xa abriu o día e, para almorzar, achégome a unha sala moi xeitosa que habilitaron para acompañantes de pacientes. Mentres vou pensando en que en todos os cursos da formación do persoal sanitario tería que haber uns contidos transversais sobre a violencia que se exerce sobre as persoas maiores só por selo (e que é evidente en todos os chanzos da sanidade) e mais unha materia obrigatoria co obxectivo de que non esquecesen nunca o lado "humano" da profesión, pouso a vista nuns calendarios que deixaron enriba dunha mesa e que teñen como lenda: "Humanizando desde dentro o Servizo Galego de Saúde". Isto si que é ironía.