Patóxenos sensíbeis ao clima avanzan cara a novas rexións

Imaxe dunha carracha, transmisora da enfermidade de Lyme, sobre a pel humana. (Foto: SOS Lyme)
A calor intensa tamén aumenta o risco de contaminación alimentaria.

En 50 anos, as condicións ecolóxicas adecuadas para as cegoñas avanzaron perto de 200 quilómetros, de Ponferrada até Cospeito, na Terra Chá. Progresaron "ao ritmo do cambio climático", un desafío global en termos humanos e naturais que acelera episodios extremos e a chegada de novos patóxenos.

Salvador Fojón é médico, biólogo e un observador avezado dos cambios que o quecemento global está a provocar no planeta e, de forma directa, na vida das persoas. "Desde o primeiro informe do Panel Intergobernamental de Cambio Climático, todas as previsións que se fixeron cumpríronse. Isto demostra que estamos ante un asunto moi importante".

Asegura que a sensibilidade social e mediática aumentou nos últimos anos a. "A xente ve que a cousa vai en serio e que a presión migratoria xa é unha realidade. Non hai máis que ver a poboación subsahariana que ocupa o cinto desde Senegal até Etiopía, esa xente quedou sen medio de vida porque nesas terras non se pode colleitar nada. Son 500 millóns de persoas, migrantes climáticos, que van ter que deixar as súas casas".

O cambio climático é un asunto planetario que avanza latitudinalmente desde o ecuador cara aos polos a un ritmo de "catro ou cinco quilómetros ao ano, e xa alcanzou a Península Ibérica". Cando se analizan os parámetros ecolóxicos de pluviosidade, temperatura media e fotoexposición, "un decátase de que xa vivimos nun semideserto".

Vagas de calor

Mudan as condicións ambientais e as consecuencias que as novas circunstancias teñen para a saúde das persoas, máis vulnerábeis, por exemplo, a enfermidades mediadas por patóxenos e vectores sensíbeis ao clima que están a colonizar territorios onde antes non chegaban. "O mosquito que transmite a malaria e as carrachas que contaxian a enfermidade de Lyme están ampliando o seu ámbito de afectación epidemiolóxica". A comunidade médica manexa un listado "dunhas 30 doenzas infecciosas" a vixiar ante os cambios na distribución dos vectores de transmisión por mor da temperatura. O virus do Nilo Occidental, a febre hemorráxica Crimea-Congo, o dengue, o chikungunya ou o zika están nesa relación.

No que se refire a Galiza, Fojón augura que exercerá de "refuxio climático", para o que habería que ir tomando precaucións "e non pagalo caro". Entre as repercusións negativas do cambio climático, a que máis preocupa ao biólogo é "a desaceleración da corrente do Golfo, da circulación termohalina, que é a base da riqueza pesqueira da Galiza". No inmediato, non prognostica un aumento brusco e xeneralizado das temperaturas, mais alerta de vagas de calor puntuais que poden supor un risco directo para a saúde. "Desde hai un par de décadas xa se ve que no verán as vagas de calor achegan un incremento da mortaldade esperada moi significativo", superior ao das vagas de frío no inverno. En termos de mortalidade é peor a calor que o frío, advirte; a calor repentina, sostida e intensa ameaza en moitos casos a termorregulación de "bebés e anciáns, xa de por si moi comprometida".

Ademais, a calor pode acelerar episodios de contaminación alimentaria. "A comida contamínase con máis facilidade en menos tempo e isto provoca gastroenterites que tamén nos nenos, nos vellos e nos enfermos crónicos son gravísimas".