O patrón de Muxía e CCOO premios Dioxina 2023 e Rogelio Santos, Noia Limpa e Daniel Vispo premios Osíxeno

O premio síxeno Colectivo 2023 é para a Asociación Noia Limpa (Foto: Adega)

Os galardóns serán entregados no decurso da 48 Asemblea Xeral de Adega, o sábado, 11 de maio en Melide.

Os premios Osíxeno e Dioxina da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega) son xa unha referencia no ambientalismo galego, uns galardóns a través dos que se pode tomar tomar o pulso de como foi medioambientalmente o ano.

Adega vén de dar a coñecer os seus Premios Osíxeno e Dioxina 2023, galardóns que serán entregados no decurso da 48 Asemblea Xeral de Adega, que o sábado 11 de maio vai decorrer en Melide (Terra de Melide).

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza destina os galardóns “osíxeno” a aquelas persoas e entidades que ao longo do ano demostraron ter unha actitude ou comportamento destacados na defensa do medio ambiente galego, e pola contra, dirixe os premios “dioxina” a aquelas persoas e entidades que teñen amosado unha actitude agresiva e contraria á defensa do territorio e do seu patrimonio natural e cultural.

Premio Osíxeno de Honra 2023

A Xunta Directiva de Adega outorga o Premio Osíxeno de Honra a Daniel López Vispo, referente do activismo ecoloxista galego “e un dos membros de Adega máis prezados e admirados polos seus compañeiros e compañeiras de loita e da organización, na que desenvolveu varios cargos”.

Foi un dos principais impulsores e dinamizadores das campañas e reivindicacións ecoloxistas vividas nomeadamente nos anos 90 e 2000, por exemplo, na defensa do Val do Neira (Baralla, comarca dos Ancares) contra a o paso da autovía A-6; na defensa dos ríos galegos “contra a enxurrada masiva de minicentrais ou na defensa do litoral contra o urbanismo desenfreado ou o Plan Acuícola da Xunta”.

 Ademais, foi un precursor na defensa dos espazos naturais protexidos como Rede Natura 2000 fronte a explotación mineira “ou a implantación caótica e irracional dos proxectos de enerxía renovábel, que hoxe, 25 anos despois temos tan presente”.

Osíxeno Individual 2023: Rogelio Santos Queiruga

Rogelio Queiruga  autodeclárase mariñeiro, agricultor, patrón de pesca e divulgador. Con este galardón, Adega quere recoñecer o seu importante papel como divulgador do oficio de mariñeiro e da biodiversidade mariña nas redes sociais, contribuíndo especialmente á dignificación do sector e á posta en coñecemento da rica e ampla biodiversidade e riqueza ambiental que conteñen as nosas rías e mares.

O seu compromiso ecoloxista e co mar, clara e reiteradamente manifestado nas redes sociais, fíxose se cabe máis visible a comezos de ano cando Santos asumiu ser a figura de representación do sector do mar afectado pola grave crise produtiva e ambiental que actualmente viven as rías galegas, así como polo recente episodio de contaminación por pelets plásticos. “O seu discurso crítico coa xestión da Xunta en materia de política ambiental e do mar foi motivo de represalias por parte de medios de comunicación afíns ao Executivo galego, como a TVG, que lle retirou a súa colaboración coa canle pública”.

Osíxeno Colectivo 2023: Asociación Noia Limpa

Adega quere recoñecer a iniciativa e determinación da Asociación Noia Limpa, ao ser o primeiro colectivo en dar a voz de alarma pola chegada da marea de pellets de plástico ás costas galegas e tamén por ser o primeiro en organizarse grupos de voluntarios e voluntarias para proceder á retirada das bolas de plástico e concienciar á sociedade sobre os efectos destes pequenos plásticos nos areais e na biodiversidade litoral.

Dioxina Individual 2023: Daniel Castro, patrón maior de Muxía

O premio Dioxina vai para o patrón maior da Confraría de Pescadores de Muxía, Daniel Castro, “polos insultos profesados publicamente contra as persoas e entidades ecoloxistas que, lexitimamente, se mobilizaron pola defensa das costas galegas e criticaron a xestión política da crise dos pelets de plástico”.

O galardón é merecido por canto o patrón maior cualificou o desastre ecolóxico do Prestige como “o mellor parón biolóxico que tivemos na historia”.

Dioxina Colectivo 2023: Comisión Obreiras (CC.OO)

O premio dioxina colectivo 2023 recae desta volta no sindicato Comisións Obreiras (CCOO) de Galiza, “por emprender xunto coa Administración galega e o lobby eólico unha campaña pública de desprestixio e inxurias contra as organizacións ecoloxistas e os maxistrados do TSXG que están a resolver a paralización cautelar de numerosos polígonos eólicos ao atopar indicios de ilegalidade nos procedementos de avaliación ambiental”.

“Altos cargos do sindicato chegaron a afirmar publicamente que “os xuíces non teñen nin idea e son pancas do Estado”, poñendo en cuestión a súa capacitación profesional e a súa imparcialidade xudicial”.