O verán de...

Paula Chaves, 'Pauliña': "En ningún sitio se vive como na Galiza"

A artista natural de Cambados, Pauliña (Foto: Adras Martínez).
Entrevistamos a artista Paula Chaves 'Pauliña' para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual? En que proxectos está a traballar?
Actualmente atópome coa xira do meu último lanzamento Testemuñas e á espera da estrea da película O home e o can onde tiven o pracer de interpretar a Paula. Tamén sigo traballando en novos temas e con diferentes artistas. Queda Pauliña para un bo anaco.

—Cal é o concerto que recorda con máis cariño?
Non podería decidirme por ningún en especial porque todos rouban un anaco do meu corazón para enchelo de felicidade. Cada concerto é único, alí onde vou sempre me fan sentir coma na casa.

—Como lle gusta gozar dos meses do verán?
En calquera outro momento da miña vida diríache que de festival en festival, mais agora teño a cabeza moi tranquila e adoito frecuentar lugares máis tranquilos.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
Vivín en moitas zonas da Galiza porque son un fervello, eu ser son da Modia, un lugar de Cambados. Pero a cidade que me viu medrar ao longo do tempo foi Compostela.

—Praia ou piscina?
Praia por suposto, Pedras Negras en San Vicente (O Grove) é das miñas favoritas.

—Na praia, está máis tempo na auga ou na area?
As dúas cousas por igual, mergúllome sempre na auga aínda que me digan que está fría, e despois tomo o sol un anaco.

—Onde non iría nunca de vacacións?
Eu creo que incluso o sitio que menos me gustaría visitar sempre ten unha historia que contar, coido que viaxar abre camiños e nutre a mente.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
O meu paso por Eastbourne e Brighton na adolescencia marcoume moito. Tamén aprendín que en ningún sitio se vive como na Galiza.

—Un festival ou cita cultural ao que nunca falle?
Moitos, como o Chiringo Brisa, o Millo verde ou o Revenidas.

—Recoméndenos un libro, unha canción e un filme.
Libro Circe e o pracer azul de Begoña Caamaño, canción San Antón de Andrés do Barro e filme Dhogs de Andrés Goteira.