Altri precisaría captar 9% da auga do encoro de Portodemouros, segundo a PDRA e Adega

Comparecencia da PDRA e Adega esta sexta feira (Foto: Nós Diario)

Ambas as dúas entidades fan pública a alegación ao proxecto da pasteira para a Ulloa na que alertan do impacto na bacía hidrográfica, na calidade das augas do río Ulla e na ría de Arousa, nun escenario de cambio climático. “A contaminación das augas de captación de Altri vai comprometer a saúde pública”. Instan a Xunta que emita unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) desfavorábel.

A Plataforma en defensa da ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza (Adega) presentaron esta sexta feira polo miúdo o contido dunha das súas alegacións ao proxecto que Altri prevé instalar en Palas de Rei (A Ulloa). Unha alegación en que ambos os dous colectivos advirten do impacto do proxecto na bacía hidrográfica, na calidade das augas do río Ulla e na ría de Arousa, nun escenario de cambio climático.

“Alertamos da inviabilidade do proxecto de Greenfiber na parte alta do río Ulla, que terá consecuencias en toda a bacía. Consideramos que este proxecto afectará gravemente ás augas, debido á detracción de caudais e á contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos no río Ulla. Comprometerá a viabilidade ecolóxica deste río, dos diversos usos, e impactará directamente a medio ou longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza”, afirman PDRA e Adega.

Indican que a empresa solicitou una concesión de augas privativas para uso industrial de 46.000.000 de litros de auga o día do encoro de Portodemouros (“que supón máis que o que consume a poboación de toda a provincia de Lugo”, lembran).

O estudo de impacto ambiental feito pola empresa calcula que esta detracción suporá 1 - 2% do volume do encoro, pero segundo os cálculos destes dous colectivos, realizados sobre volumes medios de Portodemouros, esta concesión “suporá a captación dun 9,2% de recurso sobre o encoro”. “Neste baile de cifras a empresa fixo un cálculo nesgado debido a que o cálculo fíxose sobre volumes teóricos do encoro (denominados caudais naturais), non reais, e que obvian as detraccións e usos existentes na actualidade. E tamén que considera a diferencia do caudal de concesión – o caudal máximo de vertido, pero non debería de ser así, xa que se descoñece en que tempo, forma e magnitude se vai devolver esta auga ao río (Greenfiber propón unha vertedura máxima de 30.000.000 litros/día e unha mínima de 12.000.000 l/día)”.

“A contaminación das augas de captación vai comprometer a saúde pública e vai obrigar a maiores gastos na súa potabilización”, sinálse na alegación

Ademais, proseguen, para os seu estudio de impacto ambiental a empresa non considerou a diminución de recursos que acontecerá nun futuro debido ó cambio climático, e que está xa cuantificado no Plan Hidrolóxico de Galiza Costa. “O estudo de impacto ambiental non avaliou en ningún momento o que supón esta detracción de caudal sobre os ecosistemas e usos existentes augas abaixo do encoro de Portodemouros. Só se detivo a avaliar se esta detracción repercutiría sobre o uso hidroeléctrico”.

Vertedura após o tratamento

PDRA e Adega indican tamén que, a respecto da vertedura despois do tratamento das augas, “ estes valores de emisión están totalmente no límite da contaminación do río

Ulla. A Directiva Europea no ámbito das augas (Directiva Marco da Auga) considera que con que un único parámetro iguale ou supere o valor límite, o curso de auga presenta incumprimentos da normativa. Os valores de amonio, fósforo total ou fosfatos están abeurando o límite estabelecido pola norma: calquera mínima alteración nestes parámetros, (debido a menor caudal de dilución ou aumento destes contaminantes debido a vertidos augas arriba) incumpriría a norma”.

Esta vertedura vulneraría os obxectivos medioambientais europeos asumidos pola Xunta no Plan Hidrolóxico de Galiza-Costa , afirman.

Ao final do río Ulla atópase o estuario do río, cando o Ulla desemboca na ría de Arousa, e ten tamén unha grave problemática de contaminación. Presenta mal estado por contaminación de amonio, fosfatos e nitratos, estes 3 compostos emitiraos Greenfiber na súa vertedura”.

Abastecemento da poboación

Na actualidade hai unha poboación de 145.000 habitantes que se abastecen do Ulla, número que se incrementará segundo estimacións do Plan Hidrolóxico debido á reserva dun volume de recursos no sistema de explotación para abastecemento “Río Ulla e ría de Arousa (abastecemento marxe dereita)” ante o futuro incremento da demanda.

“No Plan especial de seca da demarcación hidrográfica Galiza-Costa (PES) afírmase que hai 35% de concellos da bacía do río Ulla sen garantía de abastecemento en momentos de seca. Son exemplos de concellos que precisarán dunha auga de calidade e cantidade do río

Ulla. Condicións que se verán significativamente deterioradas pola instalación desta fábrica, especialmente no escenario que nos atopamos de cambio climático”.

“Polos graves impactos ambientais e sociais que comportaría a fábrica de celulosa de Greenfiber para a bacía do ría Ulla e da ría de Arousa, Adega e a PDRA esiximos á Xunta da Galiza que rexeite outorgar a concesión de augas e que emita unha declaración ambiental desfavorábel a esta instalación”.