Catro de cada dez graos universitarios, sen prazas na primeira chamada: estas son as titulacións fechadas

Alumnas na universidade olívica nunha imaxe de arquivo (Foto: UVigo).
A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta terza feira as primeiras listaxes de admitidos e admitidas nos graos universitarios das universidades públicas galegas.

A Comisión Interuniversitaria da Galiza (CiUG) publicou esta terza feira as primeiras listaxes de admitidos nos graos universitarios das universidades públicas galegas. Así, os que foran convocados poderán matricularse entre esta cuarta e a quinta feira. Das 190 titulacións que haberá en total o próximo curso, 78 (41%) cubriron xa todas as prazas, aínda que ningunha destas está na Universidade de Vigo (UVigo), que ten todas as súas carreiras aínda abertas.

A CiUG, tras este primeiro corte, lembra que só se poden matricular aqueles e aquelas aspirantes que na Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) alcanzasen unha cualificación igual ou superior á da última persona convocada, que figura na listaxe da aplicación 'Nerta'.

O primeiro prazo para inscribirse nun grao na Galiza abrirase esta mesma cuarta feira, ás 00.01 horas, e fechará ás 23.59 da noite da quinta feira. No caso de que a persoa solicitante apareza convocada nunha titulación que non sexa a súa primeira preferencia, poderá optar por oficializar a matrícula nela ou esperar a ser admitida na súa preferida mentres non feche a admisión. O segundo corte será a vindeira segunda feira, 15 de xullo.

Titulacións fechadas na USC

Por universidades, na de Santiago están xa fechados 47 graos nesta primeira chamada. Nos campus da capital galega é o caso de Administración e Dirección de Empresas, Bioloxía, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Social, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Química, Filosofía, Física, Historia, Historia da Arte, Lingua e Literatura Españolas, Galegas e Inglesas, Matemáticas, Medicina, Educación Infantil, Primaria, Pedagoxía, Psicoloxía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Xornalismo, Biotecnoloxía, Criminoloxía, Xestión de Empresas Hostaleiras e Intelixencia Artificial.

A estas súmanse os dobres graos en Comunicación Audiovisual e Xornalismo, Dereito e Relacións Laborais, Enxeñaría Informática e Matemáticas, Matemáticas e Física, Química e Bioloxía, Química e Física, Farmacia e Óptica, e Educación Infantil e Primaria.

No Campus de Lugo, xa non aceptan máis alumnos e alumnas en Administración e Dirección de Empresas, Enxeñaría Civil, Educación Infantil, Primaria, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Robótica, Bioquímica, Empresa e Tecnoloxía —tanto na modalidade presencial como na virtual—, e as dobres titulacións en Enxeñaría Agrícola e Forestal e mais Infantil e Primaria.

As titulacións da USC que fecharon coas maiores notas de corte son o dobre grao en Matemáticas e Física, onde o último alumno en entrar conségueo cun 13,590 na ABAU; Enxeñaría Informática e Matemáticas, cun 13,252, e Medicina, cun 12,900.

Graos completos na UDC

Na Universidade da Coruña hai 31 graos que fecharon nesta primeira chamada. Na propia cidade herculina son ADE, Bioloxía, Ciencias da Actividade Física e do Deporte, Comunicación Audiovisual, Dereito, Economía, Educación Infantil, Primaria, Educación Social, Enxeñaría Informática, Náutica e Transporte Marítimo, Fisioterapia, Ciencia e Enxeñaría de Datos, Creación Dixital, Animación e Videoxogos, Nanociencia e Nanotecnoloxía e mais Intelixencia Artificial.

En canto ás dobres titulacións, na UDC están completas Bioloxía e Química, Turismo e Ciencias Empresariais, ADE e Dereito, Español e Galego e Portugués, Inglés e Español, e o grao aberto en Ciencias Sociais e Xurídicas.

Nas facultades de Ferrol, son Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática, Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto, Enxeñaría Mecánica, Enxeñaría Naval e Oceánica, Xestión Industrial da Moda, Relacións Internacionais, o dobre grao en Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica, e o grao aberto en Enxeñaría Industrial.

No caso da UDC, as notas de corte máis altas déronse en ADE e Dereito, cun 11,252; en Fisioterapia, cun 11,198; e Enxeñaría Mecánica e Naval e Oceánica, cun 11,175.