Sanidade pública

Sanidade penaliza persoal de Atención Primaria por ter lista de agarda nas súas consultas

A falla de profesionais provoca as listas de agarda en Atención Primaria. (Foto: Europa Press).

CIG-Saúde considera que non depende das traballadoras evitalo e exixe a retirada inmediata dos indicadores de demora Primaria dos ADX.

A CIG-Saúde vén de denunciar que Sanidade está a penalizar o persoal de Atención Primaria por unhas listas de agarda que “non son responsabilidade das e dos profesionais senón da propia Administración galega” que, denuncia, “non substitúe ausencias, nin dota os centros de saúde das profesionais necesarias para atender con calidade e sen demoras as necesidades da cidadanía”.

Explica que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) está a utilizar un indicador, nos chamados Acordos de Xestión (ADX), que mide a “Accesibilidade na prestación de servizos”. Este indicador ten dúas partes, unha mide a “Demora para consulta” (demanda) e outra mide a “Demora para renovación de receitas”.

Se esta demora é igual ou maior a 4 días descóntase un 6% por cada tipo de consulta do Complemento de Produtividade Variable (CPV), que forma parte do salario da profesional.

Por iso, a central sindical denuncia que fronte a un problema evidente, como son as listas de agarda en Atención Primaria, a solución de Sanidade pase por penalizar as profesionais e que os chamados Acordos de Xestión (ADX), “que non son acordos nin xestionan nada, impoñen indicadores que afectan as retribucións das profesionais e que en realidade miden cuestións que son responsabilidade das propias Xerencias”.

CIG-Saúde lamenta que por mor das “políticas de xestión de persoal dos últimos 15 anos, que nos deixaron con cadros de persoal minguados e sen posibilidade de recambio, son utilizadas pola Administración para penalizar ás profesionais”.