Percorrer o Pindo un ano despois da catástrofe

A Asociación Monte Pindo Parque Natural organiza un roteiro o sábado 13 de setembro para conmemorar o primeiro aniversario do lume que arrasou o Olimpo Celta.

 

A piques de se cumprir un ano do incendio que arrasou durante catro días o Monte Pindo, a Asociación Monte Pindo Parque Natural convoca un roteiro, (13 de setembro) co que conmemorar o aniversario do desastre. 

A actividade, que reinicia as accións após un período de inactividade na zona para "permitirmos que de maneira natural o monte fose recuperándose", asegura Mario Maceiras, secretario da Asociación. Logo dun ano do acontecido, desde Monte Pindo Parque Natural aseguran que a zona "se vai recuperando" malia, denuncian, "a inoperancia da Xunta". 

A Xunta mantén o veto sobre o programa de voluntariado SOS Monte Pindo

E é que 355 días despois do incendio o goberno galego non deseñou ningún programa de recuperación do monte nen permitiu tampouco que, através do programa de voluntariado SOS Monte Pindo, fose a propia veciñanza a que iniciase as tarefas de reforestación. "Continúan sen levantar o veto", explica Maceiras en conversa con Sermos Galiza ao tempo que critica que a administración autonómica non dese resposta até o momento "ás chamadas" que desde o Concello de Carnota e distintos movementos sociais veñen facendo a prol da "extinción do convenio que liga a xestión do Monte Pindo á Xunta". 

A Xunta nen fai nen deixa facer 

Mario Maceiras exemplifica a "falta de interese" amosada polo goberno de Alberto Núñez Feijóo en relación co Olimpo Celta coa actitude da actual responsábel de Conservación da Natureza, Verónica Tellado, quen chegou a asegurar @s representantes da Asociación que "de se declarar algún Parque Natural nesta lexislatura, non sería o Monte Pindo", subliña Maceiras. 

A Xunta de Galiza declinou catalogar o Pindo como Parque Natural e rexeita extinguir a concesión que lle outorga a xestión deste espazo

Esta actitude do executivo galego confronta coa axilidade amosada perante a destrución da Igrexa da Virxe da Barca (Muxía), ardida tamén hai un ano. En relación con este santuario --propiedade da igrexa católica-- a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financiou o proxecto de rehabilitación con fondos públicos. Unha proposta pola que pagou máis de 21.000 euros. 

En troca, e embora contar coa xestión do Monte Pindo, "non fixo nada", salienta Maceiras, para recuperar o espazo ecolóxico único que representa o Olimpo Celta. Ao tempo que tampouco escoitou as demandas sociais e políticas que reclaman a catalogación do Pindo como Parque Natural. Unha figura que dotaría este territorio dun órgao de xestión e o "financiamento preciso para estudar as problemáticas existentes" e axir perante elas. 

Naquela altura, o Partido Popular impediu catalogar a zona como "catastrófica" rexeitando activar unha partida orzamentaria que paliase as consecuencias do incendio. 

Os eucaliptos ocupan o espazo do carballo anano

Ao longo desta ano, alertan desde a Asociación Monte Pindo Parque Natural, no monte están a aparecer "especies alóctonas" que, quer pola acción humana ou de maneira natural, están a substituír a vexetación autóctona, especialmente o carballo anano, que unicamente se atopa nesta zona. "Principalmente é eucalipto", explica Mario Maceiras, quen salienta os riscos destas "especies pirófitas" de se producir de novo un incendio. 

Desde a Asociación exixen á Xunta a eliminación destes exemplares e a repoboación coa vexetación propia do Pindo se ben desde o goberno galego non teñen previsto iniciar ningunha actuación neste senso. Así é, que o movemento veciñal insta a administración a devolver a xestión do Pindo "a quen ten vontade" por recuperar este espazo natural e ecolóxico único.