Sanidade pública

Persoal administrativo do Sergas reclama a retirada do XIDE: "É un perigo para as doentes"

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, esta cuarta feira. (Foto: Nós Diario)
"O sistema fai unha triaxe e os PSX non somos o persoal competente para facela", explican.

A Asociación de Persoal de Servizos Xerais do Sergas (APSX) reclamou esta cuarta feira a retirada de programa de Xestión Integral da Demanda en Equipo (XIDE), que supón, denuncian, "un risco para os e as pacientes". 

A través dun comunicado, a asociación expresou o seu "enorme descontento" coa decisión do Tribunal Superior Xustiza da Galiza (TSXG) de "non retirar" este programa informático. "Acatamos a sentenza pero non a compartimos", inciden, co que se adhiren á iniciativa contra o mesmo de todos os Colexios Médicos da Galiza, que a pasada semana anunciaron a súa decisión de recorrer a resolución do TSXG ante o Tribunal Supremo (TS).

O persoal de xestión e servizos realiza "tarefas maioritariamente administrativas, non somos persoal sanitario", recorda a APSX, pero este programa obrígaos a "ter que preguntar a todas e todos os pacientes que acoden a solicitar unha cita o motivo da súa consulta". 

O programa decide a urxencia das doenzas

Segundo sinala este colectivo, da resposta das pacientes a celeridade coa que o XIDE asigna a cita, presencial ou telefónica e co profesional sanitario "que diga". Cando son varios os motivos, é o persoal administrativo o que debe "decidir cales escribe no programa, porque o sistema XIDE non é capaz de valorar varios síntomas á vez"

"Está claro que segundo interprete o PSX que síntoma pór a doente será atendida antes ou despois". Así, a orde determina a urxencia da consulta, polo que supón "un alto risco para as pacientes e unha responsabilidade" para este persoal. "O sistema fai unha triaxe e os PSX non somos o persoal competente para facela", explican. 

"Tendo en conta a inseguridade das pacientes con este sistema e a responsabilidade que non debe asumir o PSX sendo persoal administrativo", engade a asociación, "pensabamos inxenuamente que isto se clarificaría e o Xulgado volvería restabelecer a cordura no sistema sanitario galego". 

Con todo, non foi así, polo que o persoal de servizos xerais do Sergas agarda que, "nalgún momento", se impoña o que considera "xusto e sensato: que se retire o XIDE polo ben das doentes e pola defensa da súa calidade asistencial". Ademais, instan a veciñanza a manifestar o seu rexeitamento ao sistema.