O persoal da televisión e da radio públicas convoca a primeira folga indefinida na historia da CRTVG

Redacción da CRTVG nos estudos de San Marcos, en Compostela. (Foto: CRTVG)
Traballadoras da CRTVG chaman a un paro sostido contra a produción externa e o "desmantelamento" dos medios públicos.

As asembleas de traballadores e traballadoras da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) ratificaron onte a proposta de convocatoria de folga feita polo Comité Intercentros dos medios públicos para reclamar o cesamento da externalización da programación e a recuperación do diálogo social que permita a participación das profesionais na toma de decisión que afectan ás condicións laborais e ao futuro do modelo deste servizo público.

A folga, da que deron aviso previo á Dirección Xeral da Corporación e á autoridade laboral esta cuarta feira, terá lugar os días 7, 9, 11 e 14 de outubro, data na que, de non terse producido un acordo que permita o levantamento do paro, adquirirá carácter indefinido, mantendo a partir do 16 de outubro a mesma alternancia nas xornadas intersemanais.

O novo programa O Termómetro, unha coprodución externa sucesora do programa de produción propia A Revista, custa 16.000 euros diarios

Os paros deenvolveranse entre as 11.30 e as 13 horas, por coincidir coa emisión do novo programa O Termómetro, unha coprodución, sucesora do programa de produción propia A Revista –que levaba máis de vinte anos na grella da televisión pública–, que segundo o Comité Intercentros dilapida recursos públicos (16.000 euros diarios, precisa) e facilita a manipulación informativa, afondando na estratexia de desmantelamento dos medios que o Comité Intercentros denuncia hai anos.

Privatización do público

A participación do persoal da CRTVG no novo programa, que se realiza nas instalacións de San Marcos, limítase á parte técnica (control de realización, iluminación, son e cámaras de plató sobre todo), pasando a mans das produtoras O Papaventos TV, S.L. e Producións Audiovisuais Setemedia S.L. o control dos contidos (dirección do programa, guionistas, xornalistas, presentadoras, persoal de produción, de vestiario, de xestión de pantallas e elaboración de directos), unha fórmula que ademais de facultar a manipulación informativa, segundo o Intercentros, podería xerar un novo episodio de condenas por cesión ilegal de traballadoras.

A representación sindical considera inadmisíbel "a malversación de recursos públicos para ceder a terceiros producións que viña elaborando de xeito case mimético o persoal da CRTVG con menos medios e orzamento, un persoal que ademais resulta relegado a tarefas menores, afastadas do servizo de información e comunicación audiovisual que ten encomendada a CRTVG, cando non perde directamente case toda a carga de traballo propia da súa categoría profesional".

Tamén na Radio Galega

Aproveitando o recente cambio de programación, a dirección da CRTVG externalizou tamén na Radio Galega o programa Convivir en Igualdade (agora Seres) e desmantelou, censura o Comité Intercentros os programas Sala 5 e Atmosféricos.

Así, esta convocatoria de folga chega nun momento de máxima tensión nos medios públicos, despois da presentación por parte do Goberno da Xunta do anteproxecto de Lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual da Galiza para a sociedade dixital, que pretende, en opinión da representación do persoal da CRTVG, "transformar por lei xa directamente a radiotelevisión galega no maior órgano de propaganda do Partido Popular da Galiza, unha burla á democracia que, de prosperar, tamén será enfrontada con contundencia polos seu profesionais".