18-F

Persoal da CRTVG exixe medios de comunicación "ao servizo do pobo"

Protesta do persoal da CRTVG, esta quinta feira en Santiago de Compostela (Foto: Breixo Parcero).
Defende a Galega critica a "manipulación".

Baixo o lema "Por unha CRTVG ao servizo do pobo", persoal da radio e da televisión galega concentrouse esta quinta feira ante o edificio da Xunta da Galiza, en San Caetano. Unha convocatoria respaldada por medio cento de entidades, en contra da "manipulación" exercida nos medios de comunicación públicos.

O persoal, que acumula cinco anos denunciando esta situación a través dos denominados 'Venres Negros' a través da plataforma Defende a Galega, leva semanas alertando sobre unha repunta do uso de contidos informativos cun "nesgo" a favor do PP e do Goberno galego.

"A manipulación e secuestro dos medios públicos de comunicación galegos quedou patente unha vez máis na xestión da información sobre a vertedura de granulado", sinalou o colectivo en referencia á cobertura dos medios públicos galegos sobre a crise dos pellets.

Esta cuarta feira, nun exemplo das numerosas críticas das últimas xornadas contra a "manipulación" informativa, Defende a Galega cualificou a CRTVG como "o NO-DO do século XXI", nunha referencia ás pezas audiovisuais que eran publicadas na televisión durante a ditadura de Francisco Franco. Así o fixeron tras a emisión dun vídeo promocional de Alfonso Rueda no Telexornal Mediodía que supuxo "case dou minutos" para "maior gloria do candidato do PP".