Persoal da CRTVG protesta contra Sánchez Izquierdo no Parlamento

Traballadoras e traballadores da CRTVG protestan ante o Parlamento esta quinta feira. Foto: cedida.

Traballadoras e traballadores da Compañía de Radio Televisión de Galicia despregaron esta tarde unha pancarta en protesta contra a dirección do ente no exterior do Parlamento. Xusto a esa hora, o director xeral da compañía, Alfonso Sánchez Izquierdo, comparecía na comisión de control.

De fondo da protesta, as últimas e discutidas decisións da dirección da radio pública, polas que, a partir da vindeira tempada, no haberá desconexións locais nos informativos e o Diario Cultural desaparece da programación tal e como era coñecido.

 

“Por unha radiotelevisión pública ao servizo de Galiza. Defensa da CRTVG”, dicía a pancarta, asinada polo comité intercentros. “Menos manipulación e máis cultura” ou “sen desconexións non hai información” eran as palabras de orde doutros carteis.

 

Saudar os manifestantes achegáronse as deputadas de En Marea, Ánxeles Cuña e Paula Vázquez Verao, do BNG, Olalla Rodil, e do PSdeG, Noela Blanco e Luis Álvarez.