Vídeo

O persoal da UCI do CHUO volta mobilizarse pola falla de enfermeiras e reforzos

Concentración de persoal esta quinta feira (Foto: Nós Diario)

Denuncian a deficiencia estrutural e de persoal nos espazos habilitados para a Unidade de Coidados Intensivos.

O persoal da Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do CHUO (Complexo Hospitalario Univesitario de Ourense) volveron a se mobilizar esta quinta feira para denunciar a falla de enfermeiras e reforzos, así como varias deficiencias estruturais nas instalacións.

Esta mobilización dá continuidade á que protagonizaran a principios de febreiro. Fontes do persoal indican que a finais de xaneiro mantiveron unha xuntanzacon responsábeis do centro. “Dixéronnos que en 15 días se volvían a reunir mais xa pasaron e non temos novas”.

“Algunhas deficiencias materias foron solventadas e outras están pendentes . No ratio de persoal non hai cambios”, afirman.

 

A UCI de Ourense é de Nivel II, a cal segundo as recomendacións do Ministerio de Sanidade ten que dispór de unha ratio para Enfermaría de 2 doentes por enfermeira e de 4 doentes por cada TCAE (auxiliar enfermaría), o cal actualmente non se cumpre a pesar das solicitudes previas das traballadoras”, afirmaban nun comunicado a inicios de febreiro.

Previa a apertura dos novos espazos habilitados para a UCI, “as TCAES, enfermeiras e persoal facultativo fixeron saber da súa disconformidade ao traslado da unidade para os novos espazos habilitados coa dotación de efectivos propostos, por ser ese número de distribución de persoal insuficiente e non se axusta ás ratios recomendados tanto por parte do Ministerio de Sanidade e Política Social e a Sociedade Europea de Coidados Intensivos”.

Por iso, apuntaban, “vémonos da obriga de pedir para a UCI unha dotación acorde ás recomendadas para as UCI de nivel II e non facer de esta UCI, unha UCI de segunda. Dotar as unidades con nova tecnoloxía é preciso pero máis dotala do número de persoal axeitado para poder realizar coidados de calidade así como realizar unha formación de calidade dos novos equipamentos. Esiximos solventar as deficiencias presentadas e evitar os mesmos erros para a nova unidade en construción”.