Persoal de Vitrasa pide solucións a Abel Caballero, que lles responde facendo o xesto do 'V' coa man

O traballadores reclaman respostas por parte de Abel Caballero que se limita a facer o xesto 'V' coa man (Foto: Adrián Irago).
A Policía identificou tres persoas que se atopaban no grupo que increpaba o rexedor, e propuxo a unha delas para sanción polo lanzamento dun papel ao paso do alcalde.

O persoal de Vitrasa, concesionaria do bus urbano de Vigo, trasladaron esta terza feira as súas protestas ás portas do museo Marco, onde se celebrou o acto institucional con motivo do Día da Constitución española, e increparon o alcalde, Abel Caballero, á súa saída do edificio, perseguíndoo mentres o rexedor camiñaba pola rúa lateral do museo, escoltado por axentes da Policía Nacional.

Os empregados da concesionaria, que están en folga indefinida desde o pasado 25 de novembro, concentráronse pola mañá ante o Concello, antes de se trasladaren á entrada do museo Marco, onde a Federación de Asociacións de Veciños (Favec) convocara unha concentración para reclamar unha saída ao conflito do bus urbano.

A contorna do Marco estivo blindada por efectivos de Policía Nacional durante a celebración do acto do Día da Constitución, presidido polo delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, e con presenza de numerosas autoridades, entre elas Abel Caballero.

Mentres, no exterior, os traballadores de Vitrasa e representantes de CIG, UXT, USO e CC.OO. gritaban consignas como "Menos luces, máis autobuses", "Caballero vendeobreiros" ou "Vitrasa culpábel, alcalde responsábel".

O alcalde saíu do edificio uns 40 minutos despois de que terminase o acto, acompañado por Pedro Branco e por Abel Losada, e dirixiuse cara a un lateral do Marco, mentres os traballadores o seguían rúa arriba, contidos por un 'cordón' de valos e de axentes de Policía.

Na parte traseira do museo atopábase estacionado o coche oficial do rexedor pero este rexeitou utilizalo e seguiu camiñando, mentres se dirixía aos traballadores levantando unha man cos dedos formando o 'V'. Finalmente, no cruzamento coa rúa Progreso, virou e encamiñouse cara ao Concello, mentres os traballadores eran retidos pola Policía e seguían increpándoo ao berro de "senvergoña".

A Policía identificou tres persoas que se atopaban no grupo que increpaba o rexedor, e propuxo a unha delas para sanción polo lanzamento dun papel ao paso do alcalde.

Nada novo

Non é a primeira vez que Caballero e os traballadores de Vitrasa protagonizan un enocntro. O pasado 14 de novembro os traballadores da concesionaria concentráronse nas inmediacións do ascensor Halo, onde o alcalde acudiu a presenciar unhas probas de iluminación, e tamén o increparon. Entón, o rexedor tamén se encarou con eles, facendo coa man o 'V' e lembrándolles que "só" eran "tres".