Persoal investigador recorre as bolsas posdoutorais da Xunta: "Fecha a porta a investigadoras altamente competitivas"

Investigadora nun dos laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela (Foto: Santi Alvite).

Investigal critica un criterios contrarios ao "desenvolvemento dun sistema investigador galego de primeiro nivel".

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) presentou o pasado mes de marzo un recurso contra a convocatoria de axudas de apoio á formación posdoutoral para este ano, que incorpora novidades que supoñen "graves erros" para o desenvolvemento do sector investigador na Comunidade.

Trátase dun recurso administrativo presentado contra esta convocatoria publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 19 de febreiro, cuxo prazo de solicitude concluíu xa o 19 de marzo. Entre as principais novidades, está o aumento dos contratos até os seis anos, o que supón 'unificar' as convocatorias A e B que había no pasado.

Pero, á parte disto, Investigal considera que a nova convocatoria incorpora outros aspectos que supoñen "graves erros". Por exemplo, menciona que o compromiso de estabilización das axudas ao concluír os seis anos, previa superación dunha avaliación e a obtención do certificado de investigador R3, "nociva para o sistema" ao combinar os criterios de acceso.

Exclusión

Segundo este colectivo, os criterios "deixan fóra calquera persoa candidata que conseguise algún contrato noutra convocatoria estatal ou que asinase un contrato en calquera centro de investigación do estranxeiro".

É dicir, esta convocatoria convértese "nunha vía de estabilización" para os investigadores vinculados a organismos da Galiza, pero coa "porta de entrada fechada" para persoas "que foron capaces de obter contratos temporais a través de procesos altamente competitivos".

Investigal critica que é unha medida "contra o desenvolvemento dun sistema investigador galego de primeiro nivel" e "manifestamente arbitraria e inxusta".

Outra novidade, apunta o coletivo, é que as bolsas posdoutorais que dependen da Secretaría Xeral de Universidades outorgan 25 puntos –de 30– "discrecionais" a proxectos que pertenzan a áreas que cada universidade considere como de particular interese, o que supón unha "perversión" da convocatoria.

Son todo accións, asevera Investigal, que "reproducen e actualizan dinámicas universitarias sobradamente coñecidas que levaron a unha endogamia crónica" no sistema galego que "non fan máis que lastrar o seu desenvolvemento e posición no ecosistema internacional".