Sete persoas faleceron esta terza feira na Galiza polas altas temperaturas

Terrazas baleiras en Ourense por mor da calor extrema, que segue sen remitir. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Entre 23 e 29 de xullo perderon a vida por causas atribuíbeis á calor 33 persoas. O día 30, 7 máis.

Sete persoas perderon a vida na Galiza esta terza feira, día 30, por mor das altas temperaturas da vaga de calor. Na súa maioría mulleres (4) e de avanzada idade. 

Estes falecementos súmanse aos 33 rexistrados entre o 23 e o 29 de xullo na Galiza e que son atribuíbeis ao exceso de temperatura. Así pois, entre 23 e 30 pe4deron a vida por esta causa 40 persoas na Galiza.

O sistema de monitorización da mortalidade por todas as causas (MOMO) do Instituto Carlos III recolle día a día todas as persoas falecidas no Estado, indicando tamén as diversas causas da mortaldade.

Así, esta segunda feira, 29, seguindo os rexistros deste sistema a calor estivo na causa de mortaldade de 6 persoas na Galiza, as mesmas que no domingo. O sábado foron 5 as falecidas.

A mortalidade que se atribúe á calor ou ao frío moi poucas veces é causada directamente por un golpe de calor ou por conxelación. O que realmente fai a calor ou o frío "é agravar outras patoloxías que xa existen, é dicir, actúa igual que a contaminación, que empeora outras enfermidades, principalmente respiratorias, circulatorias, neurolóxicas ou endocrinas", segundo ten explicado Julio Díaz, codirector da Unidade de Cambio Climático e Saúde do Instituto de Saúde Carlos III. A consecuencia máis extrema é a morte.