Cinco persoas feridas nun accidente de tráfico en Mazaricos

Central de emerxencias do 112 Galiza (Foto: 112).

Un accidente de tráfico no concello de Mazaricos, na comarca do Xallas, rematou con cinco persoas feridas leves, que remataron ingresadas no Complexo Hospitalario Universitario de Compostela (CHUS).

O sinistro tivo lugar pasadas as 22 horas do domingo na estrada DP-3404, ao seu paso pola parroquia de Santa Baia de Chacín. A DP-3404 é unha vía cuxa titularidade corresponde á Deputación da Coruña.

Os datos achegados polo Centro Integrado de Emerxencias 112 da Galiza (CIAE) destacan que o accidente produciuse como resultado do choque frontal entre dous vehículos que circulaban pola estrada.

A gravidade do impacto entre os dous vehículos non se correspondeu cos danos sufridos polos seus ocupantes. A este respecto, o 112 informa que un dos coches quedou completamente virado na estrada.

Os ocupantes dos vehículos sinistrados saíron polo seu propio pe dos coches accidentados, non requirindo do emprego dos medios de rescate desprazados á zona.

O 112 solicitou a intervención dos bombeiros de Santa Comba, membros do GES de Noia e voluntarios de Protección Civil da localidade, así como da Garda Civil de Tráfico. Ao tempo, interveu unha ambulancia do 061 que traslados ás cinco persoas feridas ao CHUS de Compostela.

Moaña

Un pouco antes, ao redor das 19 horas, outro accidente de tráfico deixaba unha persoa ferida no municipio de Moaña, na comarca do Morrazo.