Tres persoas resultan feridas tras chocar unha ambulancia cun turismo que circulaba en sentido contrario pola A-52

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta da Galiza)

Aconteceu ás 14.50 horas desde domingo á altura da Caniza (A Paradanta).

Tres persoas resultaron feridas tras chocar unha ambulancia cun turismo que circulaba en sentido contrario pola A-52, autovía das Rías Baixas, á altura da Caniza (A Paradanta).

Segundo informaron fontes do 112, o suceso produciuse sobre as 14.50 horas deste domingo cando o turismo, que circulaba en dirección contraria, chocou frontalmente contra a ambulancia que se dirixía a Ourense.

As persoas feridas, dúas ocupantes da ambulancia e o condutor do vehículo, foron trasladados ao centro hospitalario de referencia. Até o punto, ademais do persoal sanitario, desprazáronse axentes da Garda Civil.

Antes de acontecer o accidente, a central de emerxencias recibiu o aviso de varios condutores que alertaban dun vehículo que circulaba, coas luces de emerxencia postas, en sentido contrario pola A-52.