Incendios Forestais

Perto de 6 mil hectáreas calcinadas polo lume

[Imaxe @UMEgob]

Desencadéanse dous novos incendios forestais en Laza e Cerdedo que se suman aos aínda activos en Porto do Son, Arbo, Crecente, Fecha, Avión e Soutomaior aínda que estes tres últimos estabilizados xa.

Perto de 6 mil hectáreas ardidas no que vai de semana. Até 50 focos activos nunha soa noite. Eis o balanzo da actividade incendiaria que mantén en alerta Galiza. As altas temperaturas e o vento de nordés que azoutou o país axudaron a avivar as lapas. 

Actualmente e de acordo coa información difundida pola Xunta de Galiza, mantense o nivel 2 de alerta en Porto do Son, nas parroquias de Xuño e Caamaño, para alén de Mourentán (Arbo) e Albeos (Crecente). 

Así mesmo, permanecen activos os lumes de Fecha (Compostela), Avión e Soutomaior embora xa foron estabilizados polos servizos de extinción despregados na zona. Esta sexta feira xurdiron outros dous novos incendios en Laza, onde xa arderon 50 hectáreas, e Cerdedo (máis de 20 has). 

Así as cousas, continúan ardendo aínda que de maneira xa controlada en Cee, Cotobade, Pontevedra, Mondariz e Caldas de Reis. Foi extinguido o de Vimianzo.